CC.OO. anuncia concentracións en Ence ante o despedimento dun traballador dunha subcontrata "por represión sindical"

Por Europa Press / Redacción | PONTEVEDRA | 23/12/2022 | Actualizada ás 18:51

Comparte esta noticia

CC.OO. anunciou a súa intención de levar a cabo concentracións en Ence en protesta polo despedimento dun traballador da subcontrata Applus+ "por causas pretendidamente produtivas".

O sindicato esixe a "readmisión incondicional e inmediata" deste traballador cuxo cese foi comunicado por correo electrónico mentres se atopaba de baixa médica e despois de prestar servizo durante máis de 25 anos na fábrica de Ence en Lourizán.

Os representantes de CC.OO. consideran que o despedimento deste engrasador mecánico "responde á pretensión da empresa a non abonar determinados conceptos retributivos, segundo establece o convenio colectivo, que xa de seu non responde á actividade que realmente se realiza en Ence".

Este venres compareceron en rolda de prensa o delegado do comité de Ence-Fábrica, Juan Esperón; o portavoz da Coordinadora de Empresas Auxiliares de Ence, José Carlos Serantes; o secretario de Acción Sindical de Comisións Obreiras en Pontevedra, Omar Vázquez; e o traballador despedido, Jacky Tupai.

Segundo explicaron, durante o ERTE aplicado pola pasteira por mor da seca deste verán que impediu o abastecemento de auga do río Lérez á fábrica, a empresa Applus+ presionou aos traballadores do persoal para que renunciasen ao seu salario por escrito "ameazándoos persoalmente con despedimentos e modificacións das condicións de traballo" se non aceptaban seguir facendo gardas e horas sen cobrar, ao que Tupai, xunto a outros traballadores, "negáronse unanimemente".

O comité de empresa de Ence trasladou o problema deste traballador á dirección da fábrica de Lourizán para que mediase no conflito pero a entidade pasteira escusouse dicindo que a compañía "contrata servizos e non traballadores".

Ademais da readmisión deste compañeiro, CC.OO. xunto coa Coordinadora de traballadores auxiliares reclama tamén a "revisión das condicións do persoal polos axentes implicados na contrata". Lembran que Applus+ duplicou en 2021 os seus beneficios ata case 100 millóns de euros.

Vista da fábrica de celulosa Ence en Pontevedra
Vista da fábrica de celulosa Ence en Pontevedra | Fonte: César Arxina

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta