Por Ursula Neilson | Santiago | 26/11/2014 | Actualizada ás 00:22
“Tiña feitas tantas películas sobre o amor non correspondido que agora tiña que facer unha última película sobre alcanzar o amor verdadeiro, adulto.” Son palabras de Nils Malmros no debate posterior á primeira proxección de Sorg og glæde (Sorrow and Joy) no marco do Cineuropa o pasado domingo 23.
Na súa undécima e última película, Nils Malmros conta unha experiencia propia, a máis dramática da súa vida, cando a súa muller, a profesora Marianne Tromholt, matou á filla de ambos, de nove meses. A película conta as consecuencias deste suceso para a vida da parella.
Esta historia, totalmente real, non precisa adornos á hora de contalo. “Para min era moi importante non ser sentimental” conta Nils Malmros, recordando que no filme non hai banda sonora, a excepción de algo de música incidental.
O filme transpira sinceridade. Pasaron trinta anos ata que o director puido contar a súa experiencia en pantalla. Coa película xa presentada (estreouse fai un ano), é como se pechase un círculo. Non en van, usa o director unha narrativa circular en Sorg og glæde.
Malmros avisou ao publico antes da proxección: “Esta non é unha película que faga sentir ben… É algo así como unha catarse. Non vos vou dicir que o pasedes ben, pero si espero que teñades un pouco de catarse.”
A historia tal como vola presentei non promete ningunha alegría, a verdade. Eu, tras ler a sinopse e sobre todo tras o aviso de Malmros, tampouco a esperaba. E porén, saín do cine cun gran sentimento de confianza no ser humano. Sentinme en paz.
Sorg og glæde enfróntase sen medo á enfermidade, ás dificultades da vida, pero tamén trata a capacidade de superación, de comprensión, de empatía, de respecto, de amor desinteresado. “Esta película non di que o amor perdoa todo, pero si que o amor conquista todo” declarou Nils Malmros.
Nils Malmros naceu en Dinamarca en 1944. Empezou a estudar medicina como querían os seus pais, pero tiña unha atracción irresistible cara o cinema. Fixo gardas de noite durante un ano para poder facer a súa primeira película.
Uns vinte anos e cinco películas despois, fíxose cirurxián, pero nunca abandonou o cine. Aprendeu o oficio de forma totalmente autodidacta. Actualmente é un dos grandes nomes do cine danés. Sorg og glæde é o candidato deste país aos premios Oscar.
A pesar disto, as películas de Nils Malmros, alleas a calquera moda cinematográfica, mantense algo nas marxes. En España as súas películas non se distribúen comercialmente. Por isto agradecemos a Cineuropa esta oportunidade de contar coa presenza do director, e das súas películas, na capital de Galicia.
Tras a proxección de Skønheden og udyret (The Beauty and the beast, 1983), que versa sobre o amor dun pai pola súa filla adolescente, e pouco antes da entrega do Premio Cineuropa a Nils Malmros, Daniel Gascó resumía a obra do director danés con estas palabras: “François Trauffaut dicía que o bo cine nos axuda a ser mellores persoas. O cine de Nils Malmros logra simplemente facernos persoas.”
Cine para ver que todos somos nada máis, e nada menos, que humanos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.