Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/12/2022 | Actualizada ás 19:05
Populares e nacionalistas difiren por completo do discurso do rei Felipe VI. Así, mentres o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, calificouno como "outra lección de altura e de sensibilidade do rei coas inquietudes dos españois", o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego dixo que está "moi afastado das preocupacións da xente" e o PSdeG dixo que é unha "chamada á responsabilidade de todos os partidos".
A través dunha mensaxe na súa conta persoal de Twitter, Rueda destacou a "chamada á unidade, á confianza e ao encontro da Constitución e as institucións"."Galicia seguirá comprometida, sen fisuras, coa convivencia e co interese xeral", concluíu a mensaxe o titular do Goberno galego.
BNG
Pola súa banda, o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, sinalou o discurso de Nadal do rei Felipe VI deste ano como "o máis afastado das preocupacións da maioría da poboación". Así mesmo, censurou que no seu discurso "apoiase a escalada belicista promovida polo Executivo estatal e a política militarista da OTAN".
"O discurso deste ano resulta esclarecedor, particularmente polo tempo que destinou a falar da crise institucional mencionando a división, a ruptura da convivencia e a deslexitimación das institucións do Estado que parece ser a súa principal preocupación. Entendemos que porque lle afecta directamente", manifestou Rego.
Para o deputado nacionalista, o discurso deste ano foi "un dos que máis se afasta das preocupacións da inmensa maioría da poboación". Así, Rego explicou que a cidadanía está "máis preocupada en poder chegar a fin de mes", así como de poder pagar a luz e, non tanto, pola Constitución Española "da que tanto falou Felipe de Borbón".
PSdeG
O secretario xeral do PSdeG, Valentin González Formoso, sinalou que o discurso do Nadal do rei foi "un requirimento a cumprir as normas do xogo institucional" e unha "chamada á responsabilidade de todos os partidos". "Non pode coincidir máis co que pensamos os galegos e tamén o PSdeG", salientou.
Para Formoso, a intervención desta Noiteboa do monarca foi tamén "unha chamada de atención ao respecto aos valores da Constitución española". Así mesmo, reivindicou a súa "reafirmación" de España en "o proxecto europeísta" que, engadiu, está "baseado na solidariedade entre todos os países europeos e na defensa da liberdade e a xustiza en contraposición a outros modelos totalitarios que ameazan á sociedade".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.