Afectados polo vertedoiro de Miramontes temen que continúen os problemas medioambientais a pesar do peche

A veciñanza da zona teme os efectos dos gases almacenados no vertedoiro así como a posible utilización das outras canteiras coa mesma finalidade.

Por Galicia Confidencial | Santiago | 02/01/2023 | Actualizada ás 16:15

Comparte esta noticia

A Plataforma de Afectados polo Vertedoiro de Miramontes-Grixoa celebran o seu peche aínda que temen que as consecuencias mediambientais continúen. A mesma Plataforma sinala que se descoñece se continuarán os “insoportables cheiros, que segundo indican en varias zonas dos arredores, se agravaron considerablemente nos últimos meses”.

Vertedoiro de Miramontes. PLATAFORMA DO VERTEDOIRO DE SANTIAGO
Vertedoiro de Miramontes. PLATAFORMA DO VERTEDOIRO DE SANTIAGO

Tampouco confían plenamente en que as “Administracións cumpran co seu deber e comproben que se leva a cabo correctamente todo o proceso de selado”. Sobre este punto tamén engaden a súa preocupación polo sistema de que o sistema de desgasificación que non sexa suficiente, “dado que non está adaptado á cantidade de materia orgánica que estivo entrando no vertedoiro.”

A Plataforma considera imprescindible que continúen as analíticas das augas en toda a contorna da canteira. O obxectivo é coñecer como “está e estará afectando ao medio o amoreamento de residuos que conforma o vertedoiro”.

Ademais, teñen medo de que os denominados “tecnosolos” continúen alí depositados anos despois, a pesar de existir unha sentenza xudicial que obriga a retiralos e restablecer a zona no seu estado natural. A isto súmase a preocupación por “un segundo gran oco baleiro que existe en Miramontes, e polas demais canteiras abandonadas da xeografía, porque sobre elas sobrevoa a mesma ameaza de destrución”.

A Plataforma sinala que a noticia do cese de actividade chega tarde. Manteñen que o vertedoiro debería ter pechado hai moito tempo e que, se o fai agora, é só porque esgotou a súa capacidade. Foron numerosas as irregularidades que alí se encontraron, descubertas polos propios veciños e veciñas, xa que “ningunha Administración parecía estar controlando as labores que alí se levaban a cabo”, denuncian.

“Asumimos tarefas de investigación, consulta con expertos e estudo da lexislación vixente para ter argumentos que avalaran as nosas sospeitas e poder denunciar os feitos apoiándonos nunha base legal.”

Na Plataforma solicitan á Consellería de Medio Ambiente que adopte todas as posturas comprometidas en relación á execución do proxecto de selado do vertedoiro, e tamén respecto á retirada efectiva dos tecnosolos. Sinalan ademais que aínda quedan procedementos xudiciais abertos a nivel penal en fase de instrución, e a nivel administrativo, en trámite; estando a Plataforma persoada en todos eles.

A loita polo cumprimento das leis e pola defensa da natureza no rural compostelán aínda non se dá por concluída: “Permaneceremos vixiantes e activos para que as cousas se fagan ben. Hai moitos aspectos que requiren seguir estando aí, dada a complexidade do chamado Complexo Medioambiental de Miramontes”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta