Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/01/2023 | Actualizada ás 15:58
A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) nomeou á xornalista mexicana con raíces galegas Lydia Cacho como Escritora Galega Universal de 2023, desde o "profundo respecto e afecto á súa persoa e a valoración da altísima calidade da súa obra".
A entidade destaca dela o seu activismo feminista e pola defensa dos dereitos humanos. Durante a década dos 90 e principios dos 2000, a autora informou de maneira ampla sobre o feminicidio en Ciudad Juárez. No ano 2000, cofundou a organización Centro de Atención Integral á Muller.
Lydia Cacho chegou a ser detida en Cancún no 2005 por publicar 'Os demos do Edén', unha investigación con relatos testemuñais de sobreviventes dunha rede de prostitución infantil dirixida por políticos e empresarios. O Comité de Dereitos Humanos da ONU condenou a detención e solicitou ao Estado mexicano a reparación do delito de difamación que se lle atribuíu.
A autora, que forma parte da Rede Internacional de Xornalistas con Visión de Xénero e leva recolleitos múltiples premios internacionais, escribiu máis dunha ducia de libros derivados dos seus coñecementos e experiencias, en xéneros como a poesía, a ficción, un manual para previr os malos tratos infantís e ensaios sobre temas de amor e xénero, entre outros.
Agora, Lydia Cacho súmase á lista de Escritores Galegos Universais, tras Mahmud Darwix, Pepetela, Nancy Morejón, Elena Poniatowska, Juan Gelman, Antonio Gamoneda, José Luís Sampedro, Lídia Jorge, Bernardo Atxaga, Luiz Ruffato, Pere Gimferrer, Hélia Correia, Isabel-Clara Simó, María Teresa Horta, Mariasun Landa, José Luandino Vieira e Ana Luísa Amaral.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.