Por Europa Press / Redacción | LUGO | 09/01/2023 | Actualizada ás 17:45
O colectivo lucense Matronas e Nais reivindican a necesidade de apostar pola creación de casas de parto naturais en Galicia tras confirmarse o peche do único centro aberto ata agora no país, que estaba en Cataluña.
O matrón lucense, Cristian Martín, explica que estes lugares centran a súa actividade na atención aos partos única e exclusivamente.
Actualmente, non hai ningunha casa de parto no país, pero "xa está dentro da sanidade pública en moitos países europeos". Son lugares situados á beira dos hospitais preparados para atender e dirixir os partos.
Para Cristian Martin que as novas chegadas ao mundo sexan atendidas nos hospitais é un paradoxo. "Lugares, como neste caso o HULA, son onde se atenden e trátanse a persoas enfermas, as embarazadas non o son", matiza.
A idea que se ten socialmente preconcibida sobre o parto "é unha muller que grita e sofre e non ten por que ser así". Nas casas trabállase coa mirada posta "no respecto á muller mediante unha atención personalizada con protocolos moi medidos", asegura o experto. Están equipadas con bañeiras especiais para a dilatación, alternativas para paliar a dor, a maiores da epidural e dirixidas por matronas.
O feito de que a dirección destas instalacións recaia sobre matronas é, para o fundador de Matronas e Nais, un dos principais problemas á hora de materializar en España estes lugares. "Non existe independencia á hora de traballar por parte das matronas. Hai uns malos tratos institucionais evidentes e como exemplo está o caso de Cataluña", denuncia.
O experto insiste en que hai "evidencias científicas que demostran que os resultados obstétricos son moito mellores cando un parto é dirixido por unha matrona que por un xinecólogo e o grao de satisfacción por parte da nai tamén é maior".
A falta de formación especializada e o pouco investimento económico das institucións son dous dos grandes problemas "que dificultan facer realidade estes espazos".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.