A xuízo por estafar 25.772 euros a unha empresa adicada á subministración de material de hostalaría

A Audiencia de Ourense xulga a outros tres acusados de estafar a unha casa de apostas.

Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 09/01/2023 | Actualizada ás 17:53

Comparte esta noticia

A Audiencia Provincial de Ourense xulga este xoves a un home acusado de estafar 25.772,32 euros a unha empresa dedicada á subministración de material para a hostalaría.

Os feitos remóntanse a finais do 2018, cando o acusado, representante legal dunha SL de subministracións de hostalaría, contactou con outra empresa dedicada á subministración de material para o sector, coa intención de que lle prestase un servizo a cambio de 4.228,25 euros, cantidade que foi abonada.

Segundo o escrito fiscal, o acusado "aproveitou a situación de credibilidade xerada previamente" polo pago desa factura para, "coa intención de enriquecerse inxustificadamente", encargar material de hostalaría para o seu negocio no concello do Barco de Valdeorras por un valor de 25.772,32 euros, pero "sen pensar abonar os servizos".

A empresa emitiu tres facturas. A primeira en decembro do 2018 por un importe de 10.021 euros, a segunda o 21 de xaneiro de 2019 por un importe de 7.344,24 euros e a última o 27 de febreiro do mesmo ano por un importe de 8.406,84 euros. Para facer fronte a estas facturas, o acusado presentou seis pagarés con data de vencemento entre o 21 de xaneiro do 2019 e o 31 de xullo do mesmo ano, pero todos eles sen fondos, causando un prexuízo patrimonial á empresa, que só cobrou 4.100 euros dun seguro de falta de pagamentos.

Por iso, o Ministerio Fiscal pide unha pena de dous anos e seis meses de prisión con inhabilitación do dereito de sufraxio durante o tempo de condena, e ademais a indemnización de 21.672,37 euros á empresa pola defraudación causada.

OUTRO XUÍZO POR ESTAFA

O mesmo día, a Audiencia de Ourense acolle outro xuízo por estafa, referente a uns feitos que se remontan aos meses de abril e maio do 2021, cando os tres acusados souberon que unha máquina de apostas, instalada nunha área de servizo do concello ourensán do Bolo, entregaba un boleto co mesmo crédito pago anteriormente empregando un sistema de forzamento, consistente en continuos apagados e acesos.

Realizaron a actuación 193 veces chegando a cobrar en establecementos por toda Galicia 168 dos devanditos créditos por un valor total de 122.010,18 euros, causando un prexuízo á casa de apostas.

Os acusados recoñeceron os feitos e devolveron a totalidade da cantidade á casa, que renunciou ás accións penais e civís. Con todo, o Ministerio Fiscal solicita para cada un deles a pena de once meses e quince días de prisión, con inhabilitación do dereito sufraxio pasivo durante a condena e unha multa de cinco meses e quince días cunha cota diaria de seis euros.

Audiencia Provincial de Ourense
Audiencia Provincial de Ourense | Fonte: Wikipedia

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta