Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/01/2023 | Actualizada ás 19:59
O responsable de Patrimonio da Deputación da Coruña, Xosé Lois Penas, e a alcaldesa do Concello de Vimianzo, Mónica Rodríguez, asinaron o convenio de cooperación para a xestión con atención de visitantes, Mostra de Artesanía en Vivo e outras actividades do Castelo de Vimianzo e tamén dos Batáns do Mosquetín durante o 2023. A achega da Deputación sitúase nos 120.000 euros, dos cales 102.000 destinaranse para o Castelo e os 18.000 restantes para os Batáns.
Entre os deberes contraídos polo Concello de Vimianzo están o de achegar o persoal necesario para a atención aos visitantes do Castelo, á Mostra e aos Batáns; abrir os centros de acordo cos horarios que se establecen no acordo e elaborar unha estatística de visitas mensual.
O concello tamén se compromete, segundo o convenio, a realizar outras actividades, como un taller de decorados medievais, un desfile de moda de liño, un taller de maquetas de barcos, exposicións temáticas na cociña, palilladas no patio do castelo, rutas a pé pola contorna do monumento, relatorios sobre os seus distintos aspectos e actuacións musicais e audiovisuais.
A Deputación da Coruña leva realizado ao longo dos anos "numerosas actuacións encamiñadas á protección, conservación, rehabilitación, musealización e posta en valor do Castelo de Vimianzo e os Batáns do Mosquetín", dixo Penas, unha aposta na que se enmarca este convenio.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.