Por Europa Press / Redacción | VIGO | 10/01/2023 | Actualizada ás 15:31
O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, solicitou este martes, durante a súa visita á Zona Franca de Vigo, ao Goberno de Pedro Sánchez a incorporación de Galicia á rede de hidroductos que conectará á Península Ibérica co resto de Europa.
A preguntas dos medios de comunicación, Formoso declarou a necesidade de selar un novo eixo de produción enerxética, que será "un dos grandes protagonistas da revolución enerxética que Europa prevé para o ano 2030".
Así mesmo, o líder dos socialistas galegos referiuse á primeira planta de hidróxeno de Galicia, que "terá unha capacidade para fornecer unha tecnoloxía enerxética que substituirá ao gas natural ruso".
"Isto vainos a permitir unha estabilidade de prezos que é fundamental para o tecido produtivo galego e, por outra banda, unha enerxía sen emisións totalmente autóctona, que necesita para funcionar a enerxía eólica e a auga", sinalou.
Formoso considera que a auga en Galicia "é unha garantía" e que o vento, se a Xunta de Galicia é capaz de dinamizar a tramitación daqueles parques eólicos que son estratéxicos, "permitirá ter hidróxeno".
"A sociedade galega ten que saber que cando esta planta funcione será a segunda en España de produción de hidróxeno e a máis eficiente que haxa en Europa polo modelo de hibridación de proxecto hidráulico e proxecto de xeración de hidróxeno", engadiu.
O secretario xeral do PSdeG cre que a implicación de grandes marcas que anunciaron a súa participación no proxecto e a achega do Estado en 30 millóns de euros é a garantía para que Galicia "sexa pioneira na produción de hidróxeno".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.