Así se ven as cidades galegas dende as alturas: da Muralla de Lugo á Ponte de Rande, da Torre de Hércules á Catedral

Joaquín Gelmini é un 'youtuber' arxentino que creou o seu canal coa finalidade de viaxar por todo o mundo a través do simulador de voo Microsoft Flight Simulator.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 14/01/2023 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

Joaquín Gelmini é un 'youtuber' arxentino que creou o seu canal coa única finalidade de viaxar por todo o mundo no Microsoft Flight Simulator 2020, un videoxogo que simula unha experiencia real de voo nunha avioneta, con mapas reais obtidos a través de satélite e recreacións mediante intelixencia artificial. "Quero que todos poidamos ver como están representados os nosos países, cidades, pobos e casas", afirma na súa introducción.

Muralla romana de Lugo
Muralla romana de Lugo | Fonte: YouTube

E explica que o simulador representa ao planeta enteiro a escala 1:1 (é dicir, un metro na realidade tamén é un metro no simulador) e a tempo real. "Empecei a viaxe o 18 de setembro de 2020 no Aeroporto de Morón, Bos Aires, Arxentina, e dende aí creei unha ruta de viaxe para voar por todo o mundo", conta. De aí, chegou ata Galicia, sobrevoando non só unha, senón sete cidades galegas: Lugo, A Coruña, Santiago de Compostela, Vigo, Ourense, Ferrol e Monforte de Lemos.

LUGO: DA MURALLA ROMANA ATA O MIÑO

Lugo visitouno virtualmente fai tan só sete días. Despegando dende o Aeródromo de Rozas, cruzou varios dos polígonos industriais situados ás aforas da cidade ata adentrarse como tal no casco histórico. Vese perfectamente o centro da cidade arrodeado pola muralla romana. Ao lonxe, e como linde, aparece tamén o río Miño e os seus meandros. Polo medio, distínguese unha masa verde no medio dos edificios: o parque Rosalía de Castro. Cando o avión pega a volta, atópase o estadio do C.D. Lugo, o Anxo Carro.

A CORUÑA: RIAZOR, MONTE DE SAN PEDRO E TORRE DE HÉRCULES

Ata á Coruña chegou fai 3 semanas. Despegou do aeroporto de Alvedro (identificado co recoñecible logo negro e vermello da publicidade de Estrella Galicia) e puxo rumbo ao meollo da cidade. Surcou a ría do Burgo (dende a propia pista de despegue do aeroporto xa se ve ao fondo). No fondo da ría cara o mar aparece a praia de Santa Cristina, un grande areal que dende o avión sobresae entre o resto. Como non podía ser doutro xeito, o porto da Coruña tamén se aprecia con claridade. Da mesma maneira que Riazor: un gran cadrado verde vese dende as alturas. Outro dos puntos claramente recoñecibles pola súa forma é a Praza Elíptica, nos Rosais, co monte San Pedro detrás. De aí e tras xirar, a avioneta diríxese sobrevoando o mar, cara a Torre de Hércules, sobre a que o 'youtuber' fai 'zoom'.

SANTIAGO: A CATEDRAL NA PRAZA DO OBRADOIRO E A CIDADE DA CULTURA

En Santiago de Compostela (vídeo de fai tamén tres semanas), e saíndo dende Lavacolla (agora Aeroporto Rosalía de Castro), visita dende as alturas a Praza do Obradoiro, coa Catedral apuntando cara o ceo, a Cidade da Cultura ao borde da longa autoestrada AP-9, e o estadio do S.D. Compostela. Cabe dicir que neste caso a apreciación dos elementos estruturais que compoñen a paisaxe compostelá é máis deficiente.

VIGO: DENDE A PONTE DE RANDE ATA OS INMENSOS AREAIS DE SAMIL E O VAO

A cidade de Vigo adícalle un percorrido inusualmente longo para a duración media dos seus vídeos (case 20 minutos fronte aos 10-15 frecuentes). Parte dende o que parece Peinador e avanza cara a ría de Vigo. Dende as alturas destaca sobre todas as cousas a ponte de Rande. Seguindo a liña da ría, apararece a terminal de Bouzas, con Oia máis ao fondo. Entre os edificios lo litoral (mais ben naves) atópase unha extensa mancha verde: o monte da Guía. Sigue sobrevoando a liña da costa ata chegar aos grandes areais que conforman a praia de Samil e a praia do Vao (grandes extensións de area vistas dende o aire de cor amarela). Tamén hai oco, como non podía ser doutro xeito, para o estadio do R.C. Celta, Balaídos, coa PSA (Citröen) ao seu lado

OURENSE, FERROL E MONFORTE DE LEMOS

Tamén adicou espazo a Ourense, Ferrol e mesmo a Monforte de Lemos. Das sete grandes cidades galegas tan só lle faltou a de Pontevedra.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta