Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 12/01/2023 | Actualizada ás 16:07
A sección segunda da Audiencia Provincial de Ourense rebaixou nun ano a pena imposta a un home condenado por abusar sexualmente en dúas ocasións dunha menor de 11 anos en aplicación da lei de só si é si.
En concreto, o home fora condenado inicialmente a 13 anos e oito meses de cárcere por abusar sexualmente en dúas ocasións dunha nena de 11 anos, á que coñecía porque no pasado mantivera unha relación coa súa nai.
No auto, contra o que cabe presentar recurso, a Audiencia lembra que a entrada en vigor da nova lei "fai necesario revisar aquelas sentenzas firmes en que, como consecuencia da devandita reforma, a pena puidese resultar agora máis beneficiosa para o reo".
Neste caso, segundo a resolución, coa anterior lexislación "a pena a impor atopábase na pinza de 12 a 15 anos de prisión, e impúxose no seu grao superior por tratarse de delito continuado (de trece anos e seis meses a quince anos)".
Coa nova lexislación, segundo o auto, "a pena correspondente sería de 10 a 15 anos e, ao tratarse dun delito continuado co mesmo parámetro valoratorio propio da pena a revisar imposta no seu día, a nova sería a de 12 anos e 8 meses de prisión".
Desde a entrada en vigor da Lei Orgánica 10/2022, de 6 de setembro, de garantía integral da liberdade sexual, as audiencias provinciais galegas e o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia revisaron e emitiron 29 decisións (tanto revisións de penas xa impostas como recursos) referidas a condenas.
Delas, 20 supuxeron unha rebaixa da pena dos delincuentes, mentres que en nove ocasiones, incluída a que afecta o caso do líder dos Miguelianos, foi mantida a condena porque a Lei do só si é si suporía que o xuízo se saldaría cunha pena maior que a que se puxo no seu momento.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.