"Monte Toural", tercer parque eólico paralizado polo TSXG

Con este son tres os proxectos de parques eólicos paralizados polo Tribunal logo dos contenciosos contra as autorizacións da Xunta. Francisco Conde di que a Xunta está "actuando de forma rigorosa" nas declaracións de impacto ambiental.

Por Galicia Confidencial | Santiago | 19/01/2023 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

O TSXG acordou por medio dun Auto con data 16 de decembro a paralización cautelar do parque eólico “Monte Toural”, tal como fixera co “Campelo” e o “Bustelo”, os tres de Greenalia. A asociación ecoloxista ADEGA e a PDCC (Plataforma en Defensa de la Cordillera Cantábrica) interpuxeron os correspondentes contenciosos contra as autorizacións da Xunta a estes tres parques, solicitando tamén a súa paralización cautelar.

Sede TSXG
Sede TSXG | Fonte: E.P.

“O Tribunal dá novamente a razón ADEGA e a PDCC e acorda paralisar tamén o “Monte Toural”” sinalan desde ADEGA. Esta paralización faise en aplicación do principio de precaución e pola preminencia do medio ambiente sobre outros intereses, sobre todo os da promotora.

Por outra parte, o TSXG non impón ningunha caución económica a ADEGA e á PDCC malia a que Greenalia o solicitou, aducindo perdas duns 12 millóns de €. Cómpre lembrar tamen que as caucións impostas no caso dos outros dous parques (10.000 € en cada caso), foron finalmente levantadas polo Tribunal ao aceptar os recusos de ADEGA e a PDCC. Ademais, o TSXG impón neste auto o pago de custos a Greenalia e á Xunta.

XUNTA E GREENALIA, NOVAMENTE DESAUTORIZADAS POLO TSXG

As consideracións das partes demandadas, Xunta e Greenalia son practicamente idénticas, e baséanse, entre outros argumentos, no interese público de desenvolver as enerxías renovables e na inexistencia de danos irreparables aos hábitats e especies afectadas. Porén, Xunta e empresa recoñecen impactos sobre hábitats (dous humidais catalogados) e especies protexidas, incluídas algunhas endémicas e en perigo de extinción (Lycopodiella inundata, Euphorbia uliginosa, e Centaurea ultreiae, entre outras).

O Tribunal destaca a necesidade de aplicar os principios de prevención e precaución pola "relevancia excepcional" do espazo natural protexido (humidal inventariado -Lagoa Alcaián- e paisaxe protexida) e das especies en perigo cocreto de extinción, "unha delas endémica e en perigo crítico". Tamén di que a simple existencia de medidas correctoras non garante que non se produza un dano irreparable.

Portanto, o Auto indica que existindo risco de dano certo e recoñecido sobre hábitats e especies se as obras se inician, imponse a necesidade de protexer este ben xurídico superior, o medio ambiente, sobre calquera outro beneficio.

XUNTA

Respecto a esta paralización, o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, salientou que a Xunta está "actuando de forma rigorosa" nas declaracións de impacto ambiental (DIA) dos novos parques eólicos. "Neste sentido seguro que hai unha gran diferencia entre a Xunta e o Goberno central", suliñou.

Así, en resposta a Galicia Confidencial na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, Conde destacou que o Executivo de Pedro Sánchez vai permitir ata decembro de 2024 que se aproben parques sen que presenten a pertinente DIA. "E nós si que a pedimos", salientou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta