Chamada desde UGT a participar na manifestación convocada por SOS Sanidade Pública o 12 de febreiro en Santiago

Defenden que "un Estado forte é garante dos dereitos da cidadanía" e que é necesario actuar con instrumentos fiscais "sobre as empresas e persoas con maior capacidade".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/01/2023 | Actualizada ás 19:28

Comparte esta noticia

UGT-Galicia fixo un chamamento a participar na manifestación convocada pola plataforma SOS Sanidade Pública o próximo 12 de febreiro en Santiago de Compostela.

O sindicato celebrou este mércores nun hotel de Teo unha reunión da súa comisión executiva, o máximo órgano de dirección entre congresos da organización, no que analizaron a situación laboral e socioeconómica do Estado e de Galicia.

Ademais de sumarse á convocatoria en defensa da sanidade pública para manifestarse na capital galega o vindeiro domingo 12 de febreiro, UGT advertiu das consecuencias da inflación e defendeu que as medidas impulsadas desde o Goberno permitiron minorar o seu impacto na sociedade.

Por iso, defenden que "un Estado forte é garante dos dereitos da cidadanía" e que é necesario actuar con instrumentos fiscais "sobre as empresas e persoas con maior capacidade".

No ámbito económico, o sindicato avoga por que Galicia "se sitúe como rexión estratéxica e pioneira" na descarbonización da economía a través dun desenvolvemento sostido do sector eólico.

"É tan disparatado pretender o desarollo indiscriminado de toda a potencia eólica que se solicitou en Galicia, como o é unha prohibición total de novos desenvolvementos eólicos", remarcou a dirección de UGT, que apela a alcanzar "un consenso de país" como o que impulsa o PSdeG e ao que se adheriron distintas organizacións, incluída o sindicato.

Ademais, criticou os orzamentos da Xunta para 2023, que os ve baseados en previsións "demasiado optimistas" por estar "moi condicionadas pola capacidade de consumo de investimento das empresas".

Así mesmo, censurou a diminución do imposto de patrimonio "en beneficio duns poucos", especialmente nun contexto de "espiral inflacionista" que amenaa ás familias galegas con rendas máis baixas.

Comisión executiva de UXT-Galicia. UXT
Comisión executiva de UXT-Galicia. UXT | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta