Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/01/2023 | Actualizada ás 16:56
O festival Revenidas, que se celebrará en Vilaxoán --Vilagarcía de Arousa-- do xoves 7 ao domingo 10 de setembro, presentou un primeiro avance do seu cartel, no que destaca a presenza da lendaria banda vallecana Ska-P e o valencianos Zoo.
Ambos os grupos, que ofrecerán en Vilaxoán a súa única actuación do verán en Galicia, son os pratos fortes dos primeiros nomes confirmados dun cartel que, en palabras dos seus organizadores, mantense "fiel a esencia e á filosofía do Revenidas".
O festival arousán, consagrado no panorama galego, ofrece unha proposta heteroxénea en canto a estilos musicais, que combina a presenza de destacadas figuras da escena musical galega, estatal e internacional coa de nomes emerxentes. Tamén se significa pola integración de distintas linguas e por unha relevante participación feminina.
A presenza de Ska-P será un dos grandes atractivos de Revenidas 2023. Non en balde, a banda vallecana de ska-punk ofrecerá en Vilaxoán o que será o seu único concerto en Galicia este ano. Ademais, o grupo, fundado en 1994, xa anunciou que tras o final desta xira fará un parón "por un tempo indefinido".
Tamén Zoo dará o seu único concerto galego de 2023 en Revenidas. Os valencianos repiten tras o apoteósico concerto que ofreceron en Vilaxoán en 2022. Zoo arrincou a súa xira de 2023 tras alcanzar o fito de encher, en decembro do pasado ano, o Wizink Center de Madrid e o Palau Saint Jordi de Barcelona cantando en valenciano.
SARA HEBE e FILLAS DE CASSANDRA
A presenza feminina neste primeiro avance do Revenidas concrétase na figura da rapera arxentina Sara Hebe e no dúo galego Fillas de Cassandra. A cantante e compositora arxentina, unha dos principais referentes do rap e da música urbana en Latinoamérica, chega a Vilaxoán para presentar por primeira vez en Galicia a súa máis recente disco, 'Sucia estrela'.
En canto a Fillas de Cassandra, todo apunta a que van ser unha das grandes revelacións da música galega en 2023. O dúo formado por Sara Faro e María Soa publicará a finais de febreiro o seu primeiro disco.
Na súa proposta conflúen elementos da tradición musical galega, da clásica e da electrónica, arroupada no literario por revisións da mitoloxía grega, e sempre cunha profunda carga feminista.
As primeiras confirmacións do Revenidas 2023 complétanse con Me Fritos and The Gimme Cheetos, banda asturiana fundada en 2016, que buscan darlle unha volta de porca a cancións que todo o mundo coñece (desde Camela ou Isabel Pantoja a Quevedo ou Rosalía) para adaptalas a un estilo punk-rock melódico, acelerado e festivo. Os abonos para o Revenidas xa están a venda a través da web www.revenidas.com. O prezo actual é de 54 euros, máis gastos de xestión.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.