Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/01/2023 | Actualizada ás 21:24
A presentación de Iván Puentes como candidato do PSOE á Alcaldía de Pontevedra contará cun respaldo orgánico e institucional "histórico", nunha exhibición, segundo apuntan desde o PSdeG "sen precedentes da forza e solidez do liderado dos socialistas galegos á fronte de cinco das sete grandes cidades de Galicia e de tres das catro deputacións provinciais".
Así, o lanzamento oficial candidatura de Puentes estará respaldado polos alcaldes e alcaldesas que, na súa opinión, "poñen de manifesto o éxito e progreso acadado naquelas cidades lideradas por rexedores socialistas", como Inés Rey, na Coruña; Lara Méndez, en Lugo; Xosé Sánchez Bugallo, en Santiago; Ángel Mato, en Ferrol, e Alberto Varela, presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), en Vilagarcía.
Ademais, o evento, que terá lugar este sábado 28 de xaneiro ás 12:00 horas na Praza da Ferrería baixo o lema 'A Pontevedra que vén', contará coa presenza do secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, presidente da Deputación da Coruña; o seu secretario de Organización, José Manuel Lage, tenente de alcalde de Coruña; a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva; o secretario provincial do partido, David Regades, e a secretaria da Agrupación Socialista de Pontevedra, Maica Larriba. Tamén participarán deputados e alcaldes doutras localidades.
O acto marcará o inicio da campaña electoral de Iván Puentes de cara á cita electoral do 28 de maio, que o líder do PSdeG pontevedrés afronta "con moitísima ilusión, nun contexto no que, por primeira vez en moito tempo, o proxecto socialista ten opcións reais, tanxibles, de dar o 'sorpasso', de acadar a Alcaldía e de liderar o cambio en Pontevedra".
A Executiva Local do PSOE pontevedrés designou a Puentes como candidato a alcalde por aclamación o pasado 9 de decembro. Posteriormente, o 29 de decembro, a Executiva tamén nomeou ao concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural de Pontevedra novo portavoz do Grupo Municipal Socialista no Concello capitalino.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.