Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/02/2023 | Actualizada ás 15:13
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, ratificou que a Administración galega prevé que as "poucas" oficinas que aínda manteñen o sistema de pedir cita previa obrigatoria como única opción cambien o modelo "en moi pouco tempo, de inmediato", de forma que se algún cidadán chega sen solicitalo antes tamén sexa atendido.
Así o confirmou, a preguntas dos medios, na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta. Unha intervención na que concretou que, en todo caso, a Administración autonómica mantén esta modalidade de forma exclusiva "en moi poucos rexistros". "É algo absolutamente residual", apostilou.
Rueda lembrou que a cita previa foi unha medida que se empregou "con toda a intensidade" durante a pandemia, pero considera que, aínda que pode ser un sistema útil para organizar o traballo e mesmo para a propia "planificación" do cidadán, hai que velar por que se alguén acode sen solicitalo, e hai marxe, poida ser atendido.
"Non pode ser un sistema exclusivo", sentenciou, antes de engadir que, en consecuencia, a Xunta pretende eliminar a cita previa obrigatoria en modalidade única e implantará que esta "conviva" coa posibilidade de atender a quen se presenten nas oficinas administrativas da Administración galega sen solicitalo.
"Isto vaise a instaurar en moi pouco tempo", garantiu, e puxo como exemplo os rexistros dos servizos de emprego autonómicos que comparten espazo, nas cidades, cos estatais. Neste sentido, manifestou que espera que, unha vez que a Xunta dea o paso, renda o exemplo "noutras administracións".
"Fixemos un repaso e falamos de poucas oficinas da Administración galega, pero imos afinar máis para garantir unha boa atención", indicou. De feito, hai "dúas ou tres" oficinas das 170 do Goberno galego que só operan a través de cita previa.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.