Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/02/2023 | Actualizada ás 17:37
O departamento de Memoria Histórica da Deputación de Pontevedra presentou este venres o proxecto 'Gravadas na memoria', unha iniciativa que recolle en cinco pezas audiovisuais con testemuños de persoas que viviron moi de preto a represión franquista.
Os vídeos estarán dispoñibles a través da páxina web da Deputación de Pontevedra e divulgaranse entre os colectivos de memoria e os centros de ensino da provincia. As responsables da recollida de información e de realizar as entrevistas coas persoas protagonistas dos vídeos foron Eva Mejuto e María Xesús López Escudero.
Nunha rolda de prensa celebrada este venres, a deputada de Memoria, María Ortega, explicou que o proxecto se puxo en marcha porque pasadas case nove décadas do alzamento fascista xa é moi complicado atopar testemuñas directas e "parecíanos vital que non se perdesen as súas voces".
As gravacións teñen unha duración aproximada de 50 minutos cada unha e permiten facer un percorrido pola memoria do tempo republicano, concretamente da escola, do golpe, ou da represión que chegou despois, tendo un protagonismo moi especial a illa de San Simón.
Dáse voz a persoas de diferentes comarcas da provincia que no seu momento estiveron na illa visitando aos seus familiares no tempo que foi cárcere e mesmo se recollen as palabras da descendencia dun dos matrimonios que se forxou entre un preso e unha madriña.
'Gravadas na memoria' forma parte dun proxecto de recuperación da memoria en primeira persoa que se completa coa edición de relatos autobiográficos como o de Mariví Villaverde e co programa 'Cae de caixón', que recompila fotografías e documentación en mans de particulares para facelas públicas a través de Atopo --o buscador provincial--.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.