Ledicia Costas: "Facía máis de 10 anos desde a última vez que publiquei de forma individual un libro de poesía"

Recolle en Vigo o seu galardón como gañadora do XX Premio de Poesía Afundación

Por Europa Press / Redacción | VIGO | 07/02/2023 | Actualizada ás 20:15

Comparte esta noticia

A escritora viguesa Ledicia Costas recolleu este martes o seu galardón como gañadora do XX Premio de Poesía Afundación, nun acto que se celebrou na cidade olívica, na sede de Afundación, e no que participaron o director xerente da Obra Social de Abanca, Pedro Otero; a delegada da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias; e o presidente do Centro PEN de Galicia e presidente do xurado, Luís González Tosar.

Sobre a obra premiada, o poemario 'Ultraluz', o director de Afundación destacou que é como "un bosque habitado por criaturas procedentes da cultura popular", no que conviven "o máis fondo dos pozos e a máis brillante das saídas".

Ledicia Costas expresou o seu agradecemento por este galardón á Obra Social de Abanca, e tamén á Xunta (patrocinadora) e ao Centro PEN (colaborador), e apuntou que vive o recoñecemento como "un privilexio", ao tratarse do certame de poesía "máis importante de Galicia".

Ledicia Costas
Ledicia Costas | Fonte: EP

10 ANOS DESPOIS

"Facía máis de 10 anos desde a última vez que publiquei de forma individual un libro de poesía, 'Xardín de inverno', que xa non está dispoñible. E, tras todo ese tempo, decidinme finalmente a participar no Premio de Poesía Afundación con 'Ultraluz', un espazo de intimidade con vocación de ser compartido", aseverou a autora.

Ledicia Costas suma este recoñecemento a outros galardóns xa recibidos, como o Premio Merlín de literatura infantil, o Premio Lazarillo de creación literaria (en tres ocasións), o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil, ou o Premio da Cultura de Galicia de Creación Literaria.

O Premio de Poesía AFundación está dotado con 6.000 euros, e implica a publicación da obra na colección 'Arte de trobar'. O certame púxose en marcha en 2002 e entre os seus gañadores hai autores como Xavier Seone, María do Cebreiro, Marilar Aleixandre, Yolanda Castaño, Miguel Anxo Fernán Vello, Oriana Méndez, Gonzalo Hermo ou Medos Romero.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta