Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/02/2023 | Actualizada ás 18:03
O ministro de Pesca, Luís Planas, anunciou que a nova secretaria xeral de Pesca, Isabel Artime, "vai asinar a resolución para as axudas para o sector do xurelo" debido ao paro biolóxico existente pola situación da especie.
Nunha entrevista coa televisión pública asturiana, que recolle Europa Press, sinala que haberá dous meses de parada do sector de aquí a setembro, que "serán compensados polo Estado". Ademais, para o cerco e artes menores haberá un terceiro mes voluntario de parada "compensado para poderse dedicar a outras especies". Unha situación que "afecta moito no caso de Galicia", segundo subliñou o ministro de Pesca nas súas declaracións deste xoves.
O pasado mércores, a conselleira do Mar, Rosa Quintana, criticou que están "a esperar" a que o Goberno convoque unha comisión sectorial de pesca na que se concreten os fondos necesarios para habilitar axudas a cerqueiros ante o recorte de posibilidades pesqueiras do xurelo no Cantábrico e augas do Gran Sol para este ano.
En resposta a unha pregunta do PSdeG no pleno do Parlamento galego, a conselleira remarcou que o Estado ten as competencias sobre a repartición no caladoiro nacional e debe habilitar medidas para paliar un axuste que afecta á frota galega, asturiana, cántabra e vasca.
A cota fixada en Bruxelas para esta especie nos caladoiros ao norte de Fisterra é de 15.000 toneladas, das que só 3.200 corresponden a España, condicionadas á pesca accesoria. O feito de non poder realizar pesca dirixida de xurelo entre Fisterra e o golfo de Biscaia afecta a uns 150 cerqueiros galegos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.