O PP repesca á alcaldesa de Boimorto, que saíu deste partido tras a súa polémica vacinación da covid

Rueda admite que cometeu "un erro" que ela mesma "recoñeceu no seu momento", pero respecta "a proposta do PP da Coruña".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/02/2023 | Actualizada ás 14:23

Comparte esta noticia

A alcaldesa de Boimorto (A Coruña), María Jesús Novo, quen pediu a baixa no PPdeG, aínda que se mantivo no cargo, tras a súa polémica vacinación da primeira dose da covid-19 nunha residencia de maiores de titularidade municipal, será a candidata dos populares na localidade nas eleccións municipais de maio.

Fontes da dirección provincial confirmaron a Europa Press que Novo non volveu a afiliarse e concorrerá como independente.  No seu día, deixou as filas do PPdeG, o que propiciou que se pechase un expediente disciplinario que decidira abrirlle o partido que entón encabezaba Alberto Núñez Feijóo.

A alcaldesa de Boimorto tras a súa polémica vacinación
A alcaldesa de Boimorto tras a súa polémica vacinación | Fonte: Europa Press

A apertura do expediente foi case inmediata tras a información que revelou que a rexedora se vacinou na residencia de titularidade municipal o 28 de decembro de 2020, un día despois de que a primeira galega en recibir unha dose fronte á covid-19 fixese o propio en Santiago.

RUEDA RESPECTA "A PROPOSTA DO PP DA CORUÑA"

A preguntas dos medios nun acto en Santiago, o presidente galego e líder do PPdeG, Alfonso Rueda, alegou este venres que se trata dunha proposta da formación provincial coruñesa, que dirixe o vicepresidente segundo da Xunta, Diego Calvo, e que el "respecta".

Rueda admitiu que "no seu momento, naquel contexto", o paso dado pola alcaldesa "creou polémica". "Creo que ela recoñeceu o seu erro", incidiu. "Agora o PP na provincia da Coruña fai esa proposta e creo que, recoñecendo o erro que tivo, se esa é a proposta do PP da Coruña eu vouna a respectar", resolveu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta