Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/02/2023 | Actualizada ás 16:54
O goberno local de Santiago aprobou este luns a cesión dunha parcela á Consellería de Sanidade para a construción do aparcadoiro do Hospital Clínico Universitario de Santiago (CHUS).
Nunha rolda de prensa este luns no Pazo de Raxoi, o alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, indicou que Sanidade contará cun prazo de seis meses para aceptar esta cesión e que, dentro deste prazo, deberá presentar unha memoria justificativa dos fins de utilidade pública e interese social do proxecto.
Esta parcela municipal xa alberga o Centro de Investigación de Medicina Molecular (CIMUS) e o Centro de Biomedicina Experimental de Galicia (CEBEGA), polo que o que se cedería a Sanidade sería a superficie restante de 3.563,53 metros cadrados.
Así mesmo, o rexedor local insistiu en que a reunión coa Consellería de Sanidade, na que tamén debe participar o departamento de Infraestruturas, "segue sen marcar".
OUTROS ASUNTOS
Doutra banda, o goberno local acordou, entre outros asuntos, a solicitude de subvención para levar a cabo un proxecto de melloras no pavimento de varios viarios do polígono do Tambre.
Desta maneira, tamén se deu luz verde á adxudicación dun contrato que ten por obxecto a subministración e implantación dunha solución web integrada para a xestión de facturas e a aplicación de xestión contable do Concello.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.