Non somos coma eles

Vaclav Havel, intelectual, líder do Foro Cívico e logo Presidente da República checa, acreditaba que os medios para loitar contra o totalitarismo checoslovaco non podían ser os mesmos empregados por éste. “Nós non somos coma eles”, afirmaba Havel. E de certo non podemos selo. Porque se os terríbeis crimes de Paris van server, como defenden o Front National e algúns sectores da dereita española, para limitar as liberdades, pechar as fronteiras, prohibir a inmigración e outorgar carta branca á demolición do sistema europeo de garantías democráticas é seguro que non resolvemos o problema e que eles gañan. Porque a agresión do yihadismo diríxese nomeadamente contra a liberdade de expresión e contra a convivencia plural democrática.

Por X.A. Pérez-Lema | A Coruña | 11/01/2015

Comparte esta noticia
Evidentemente Europa non pode enfrontar este repto dun xeito inerte. Compre mellorar os medios materiais, unificar as políticas de defensa e diplomática na Unión Europea, creando un auténtico Exército e servizo de información europeos e coordinar os sistemas de información policial. O terrorismo yihadista é unha ameaza real que require dunha resposta coordinada e eficaz. Mais sen se mover un chisco do sistema de garantías democráticas. Sen Guantánamos. Porque Europa non executa xornalistas nin pode  torturar nin arrestar arbitrariamente. Non somos coma eles.
 
Cara á cidadanía europea compre unha pedagoxía de respecto á diferenza. O islamismo e o sionismo son ideoloxías da agresión, mais o Islam e o xudaísmo son civilizacións que achegaron elementos fundamentais para entendermos o noso mundo. O islamismo é moi minoritario no conxunto do Islam.
 
E, tamén, compre entendermos o multiculturalismo no contexto dunha ética civil e dunha legalidade democrática. Esenciais a esta legalidade son a igualdade dos homes e mulleres, a educación obrigatoria de todos, as liberdades relixiosa e de expresión ou a prohibición da poligamia. Nese marco de mínimos, o multiculturalismo é esencial á Europa de hoxe. E funciona. Un dos policías asasinados era un musulmán francés de orixe alxerina que protexía aos xornalistas do Charlie Hebdo e outro musulmán francés de orixe subsahariana foi quen salvou aos xudeus na tenda kosher  atacada polo terror yihadista.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xoán Antón Pérez Lema Licenciado en Dereito e graduado en Administración de Empresas. Leva exercendo a avogacía máis de vinte anos e dirixe o seu propio despacho n’A Coruña, con nomeada adicación ao Dereito Administrativo e Mercantil . Foi profesor da Escola de Práctica Xurídica do Colexio de Avogados coruñés e da Facultade de Ciencias Sociais da Universidade de Vigio. Arestora imparte a docencia no primeiro programa de asesoría xurídica de empresa que se desenvolve en Galicia, no Instituto de Finanzas e Formación Empresarial (IFFE).Publicou varios traballos sobre temática xurídica. Foi xefe de gabinete do Conselleiro da Presidencia Pablo González Mariñas, sendo Presidente Fernando González Laxe e secretario xeral de Relacións Institucionais na Vicepresidencia da Xunta ás ordes de Anxo Quintana (2007-2009). Fpoi asesor xurídico do Consello da Xuventude de Galicia (1991-1997) e tivo unha intensa actividade na defensa penal de obxectores e insumisos até que se acadou a supresión do servizo militar obrigatorio. Colaborador da Radio Galega e da TVG e de varios xornais, revistas e emisoras de Radio e TV galegas.