Por Galicia Confidencial | MADRID | 27/02/2023 | Actualizada ás 13:42
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, esixiu depurar responsabilidades no colapso do viaduto da A-6. A frente nacionalista incide na necesidade de coñecer toda a verdade sobre as causas do colapso da infraestruturas e exixe determinar as responsabilidades precisas ante os graves danos estruturais que presentaba o viaduto polos defectos de execución e pola baixa calidade dos materiais empregados na súa construción. Alén, reclama celeridade na reconstrución do viaduto para abrir ao tráfico unha vía de comunicación con alta demanda.
A organización nacionalista rexistrou a solicitude de comparecencia da Ministra de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana no Congreso e novas iniciativas na cámara baixa. “O Goberno do Estado debe explicar se fixo o suficiente para evitar o colapso da infraestrutura, dado que existía un informe, recibido un ano antes, que alertaba sobre o estado de deterioro do viaduto” subliña.
Así mesmo, o deputado do BNG no Congreso sinala a opacidade do Ministerio e do Goberno do Estado sobre as causas que provocaron o colapso do viaduto. “É que ninguén asumirá a responsabilidade do acontecido?” pregunta Rego tras destacar que, PSOE, PP e VOX vetaron na pasada semana a creación dunha Comisión de Investigación sobre as causas do derrube, impulsada polo BNG no Congreso.
Alén do máis, Néstor Rego tamén sinala ao Ministerio de Transportes por ter encargado o informe posterior sobre o derrubamento a dúas empresas (MC2 e Ideam) que traballan de maneira habitual para as empresas que, no seu día, foron as encargadas de construír a infraestrutura colapsada, FCC e ACS. “Isto pon en cuestión a credibilidade do informe e mesmo o papel que está a xogar o Ministerio para esclarecer as causas do colapso e depurar responsabilidades” sinala Rego.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.