O BNG opónse ao POEM do Goberno por "poñer en risco" pesca e ecosistemas

O deputado nacionalista, Néstor Rego, denunciou que o goberno central é "cómplice do boom eólico depredador"

Por Europa Press / Redacción | Galicia | 28/02/2023 | Actualizada ás 16:42

Comparte esta noticia

O BNG advertiu este martes de que o Plan de Ordenación do Espazo Marítimo (POEM) aprobado polo Goberno "pon en risco" o sector pesqueiro e o ecosistema mariño, á vez que reclamou unha "Galicia libre de eólica mariña".

Así o trasladou o deputado nacionalista Néstor Rego, que denunciou que o Executivo central é "cómplice do 'boom' eólico depredador" en Galicia, poñéndose "ao lado das grandes empresas enerxéticas" en detrimento do sector pesqueiro.

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego | Fonte: Europa Press

"Vimos alertado durante os últimos meses de que a plataforma continental galega, por ser estreita, non é apta para instalar este tipo de parques, que se situarían moi preto da costa", apostilou Rego. Reafirmou así o compromiso do BNG co sector pesqueiro, e cun modelo enerxético con participación pública, "que defenda o territorio galego", e "apartado" do que defenden o PP (na Xunta) e o goberno de PSOE e Unidas Podemos no Estado.

Rego, tras censurar que se eliminen os controis ambientais e a participación cidadá na nova normativa, advertiu de que é "absolutamente contraditorio" que a Comisión Europea queira pechar á pesca o 30 % de augas comunitarias para protexer os ecosistemas, mentres apoia ao Goberno de España na implantación de parques de eólica mariña.

Por todo iso, o BNG confirmou que se oporá a este POEM nas institucións e, se fose preciso, "nas rúas, a través de todas as mobilizacións sociais que fosen necesarias para garantir unha Galicia libre de eólica mariña". "Non calaremos ante esta nova inxustiza", resolveu.

BNG NO PARLAMENTO GALEGO

Tamén se referiu a este asunto o deputado autonómico do BNG, Luís Bará, durante a rolda de comparecencias posteriores á celebración da xunta de portavoces do Parlamento galego, que configurou a orde do día da próxima sesión plenaria, á que o Bloque leva unha iniciativa para pedir ao Goberno que "prohiba" os parques de eólica mariña na costa atlántica e cantábrica.

De feito, o deputado nacionalista ligou a imposición de "prohibicións" a determinadas artes de pesca como o arrastre á intención que, ao seu xuízo, existe para favorecer a implantación de parques de eólica mariña.

A CIG DENUNCIA O "RISCO" PARA A ACTIVIDADE PESQUEIRA

A Confederación Intersindical Galega (CIG) denunciou este martes o "risco" que supón para a actividade pesqueira e os ecosistemas mariños a instalación de parques eólicos no mar, tras a aprobación, por parte do Consello de Ministros, dos plans de ordenación de espazos marítimos.

Para o sindicato nacionalista, estes plans, tal como están concibidos, constitúen un "retroceso" xa que "non son compatibles con usos tradicionais na costa", como o mantemento da actividade pesqueira e a preservación da biodiversidade.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta