Por E.P. | Galicia | 01/03/2023 | Actualizada ás 18:52
A Fundación Empresa Universidade Galega (Feuga) celebrará o próximo 9 de marzo en Santiago de Compostela un evento centrado en innovación no sector agroalimentario, no que se presentarán proxectos sobre a redución do uso antibióticos para previr a súa resistencia, así como sobre o desenvolvemento de proteínas alimentarias mediante o uso de legumes.
Este foro permitirá aos asistentes manterse ao día das políticas en materia de innovación e interactuar cun amplo número de entidades e, así, explorar posibilidades de colaboración conxunta que conduzan a novos proxectos que teñan como obxectivo principal fomentar o benestar animal e humano.
REDUCIÓN DOS ANTIBIÓTICOS
Feuga asegura que a redución do uso de antimicrobianos, para previr a aparición de resistencia a estes, é actualmente un dos maiores problemas de saúde pública e animal, especialmente pola aparición de "bacterias multirresistentes" e a escaseza de tratamentos alternativos.
Sobre esta cuestión, presentaranse durante o evento dous proxectos de innovación. Un, do grupo operativo Tirac, estará enfocado na redución de antibióticos fronte a problemas dixestivos nos coellos de cebo, a través de diferentes estratexias nutricionais como o "equilibrio no nivel de fibra soluble e insoluble", ademais da incorporación de algas e extractos de algas.
O outro que aborda esta problemática é a investigación do grupo operativo Micoalga-Feed, unha iniciativa na que se desenvolveron pensos complementados con fungos e algas con efecto "antimicrobiano, inmunomodulador e antiinflamatorio", e que xa foi avaliado como alimentación en gandaría avícola.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.