Por Galicia Confidencial | Compostela | 06/03/2023 | Actualizada ás 14:59
Galicia ten un novo festival de música, O Gozo Festival. Coa presenza de Nava Castro, directora de Turismo de Galicia e David Lago por parte da promotora Sweet Nocturna, presentouse este luns en Santiago de Compostela este evento, creado coa intención de programar en Galicia grandes artistas internacionais xunto a nomes de referencia en diferentes estilos musicais.
Así, este ano está prevista a actuación de Robbie Williams, Pixies, ZAZ ou Nils Frahm, entre outros. O obxectivo dos promotores é que Galicia siga sendo escenario de grandes concertos interancionais cando se dilúa o "efecto Xacobeo". Desta forma reuniranse propostas destinadas a grandes aforamentos dos artistas máis populares xunto a nomes de culto que se presentarán en espazos máis íntimos e próximos ao artista.
"Con este propósito, presentamos unha programación plural que se desenvolverá ao longo do ano en diferentes cidades galegas, abarcando varios estilos musicais co fin de chegar a distintos tipos de público e idades, co indubidable impacto turístico e económico que supón este tipo de concertos e dando tamén visibilidade aos innumerables atractivos que ofrece a nosa terra", indican os organizadores nun comunicado.
O obxectivo é tamén vincular aos peregrinos que fan o Camiño de Santiago cun concerto de música para que teñan distintas alternativas máis alá de camiñar.
Os concertos xa confirmados para este 2023 son:
11 Marzo – Pixies (Coliseum de A Coruña)
19 Marzo – Zaz (Auditorio Mar de Vigo)
8 Xulio – Robbie Williams + Martin Garrix + Hombres G + Iván Ferreiro
(Monte do Gozo, Santiago de Compostela)
23 Novembro – Nils Frahm (Auditorio Abanca, Santiago de Compostela)
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.