Arquivan a denuncia polo "indulto millonario" da Xunta a Greenalia e os ecoloxistas recorrerán

Adega censura o "cambio de opción de monetización" do plan industrial asociado ao parque eólico de Campelo

Por Europa Press / Redacción | Galicia | 06/03/2023 | Actualizada ás 16:21

Comparte esta noticia

A Fiscalía arquivou a denuncia presentada por Adega contra o "indulto millonario" que a asociación ecoloxista denunciou que a Xunta practicou con Greenalia. Neste sentido, a entidade anunciou que recorrerá á Fiscalía Xeral do Estado.

Segundo informou a propia Adega, a Fiscalía de área de Santiago de Compostela acaba de notificar o arquivo das dilixencias relativas á denuncia presentada por esta asociación en novembro de 2022, pola "modificación ilegal do plan industrial" asociado ao parque eólico Campelo de Greenalia.

Na denuncia, expúñase "en detalle" o contido da resolución do 21 de xullo de 2021, asinada pola directora xeral de Planificación Enerxética da Xunta, Paula Uría, pola que se lle permitiu á mencionada empresa "cambiar a opción de monetización do seu plan industrial, dándoo por executado, en base ao desenvolvemento de certas actividades que nada tiñan que ver coas propias daquel plan industrial".

Na denuncia, argumentábase que no momento en que se adoptou tal resolución, ningunha norma vixente "permitía o cambio" da opción de monetización á de execución, "nin moito menos daba cabida a que un plan industrial derivado do concurso eólico do ano 2010 désese por executado con outras actividades ás previstas no plan industrial".

"GRAVES FALSIDADES" NO INFORME DA XUNTA

Respecto diso, sinala que se chega a esta conclusión porque, segundo o decreto de arquivo, a Fiscalía solicitou explicación á Xunta e esta remitiu un informe no que non aparece referencia algunha ás normas xurídicas que dean cobertura á actuación denunciada.

Adega advirte de que no informe da Xunta maniféstanse " graves falsidades", como que a opción pola monetización dos proxectos industriais non estaba sometida a límite temporal. "Simplemente, é falso", engade, para remitir ao artigo 7.2.c) da orde do 29 de marzo de 2010 para a asignación de 2.325 megawatts de potencia na modalidade de novos parques eólicos en Galicia (DOG nº 61, de 31 de marzo), que "deixa ben claro o momento en que había que optar pola monetización: ou se optaba naquel momento ou se renunciaba ao procedemento".

Así as cousas, Adega considera que o arquivo da denuncia por parte do Ministerio Fiscal "resulta absolutamente escandaloso e contrario a salvagarda da legalidade e do interese xeral que resultan inherentes á institución".

"Asumir o contido do decreto de arquivo de dilixencias implicaría asumir que, presentada unha denuncia na que constan con detalle feitos e fundamentos de dereito, a simple petición de informe á parte denunciada, aínda que esta amenta ou non diga nada, resulta suficiente para concluír que non hai motivos de ilegalidade", advertiu a asociación ecoloxista.

Parque eólico de Greenalia
Parque eólico de Greenalia | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta