O estadio das pescudas da xuiz Alaya reflicten unha corrupción endémica na Administración andaluza, que o PSOE dirixe ininterrompidamente dende 1982. O saqueo dos fondos públicos para a promoción do emprego resulta nomeadamente inmoral, o mesmo ca a conciencia xeneralizada de impunidade que acubillaban os altos cargos andaluces atinxidos. Velaí que ao caso EREs ben se lle poida chamar caso PSOE de Andalucía.
E, no noso país, estes días coñecimos do auto da xuiza de instrución 1 de Lugo, Pilar de Lara, no que lle outorga a cualidade de testemuña protexida a un técnico do Acuario coruñés, mentres relata supostas relacións moi íntimas e colusorias entre o actual contratista do mantemento biolóxico do Acuario, algúns dos funcionarios municipais que alí serven e o vicealcalde coruñés Julio Flores. Sen poder determinar a entidade penal destas condutas (a presunción de inocencia ha ser respectada absolutamente) o texto deste auto e o que coñecemos da instrución reflicte unívocamente a existencia de comportamentos absolutamente inmorais en termos cívicos, que merecen a absoluta reprobación política. A que agarda o alcalde Negreira para cesar ao vicealcalde Julio Flores? Non se decata o alcalde que está a proxectar o espectro da dúbida a respecto do conxunto do goberno local da Coruña?
A corrupción endémica desprestixia as institucións, dana a competitividade empresarial e manca anímicamente á cidadanía, que terma en esixir unha clara remuda de paradigma que recupere para a política os valores da decencia.