Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/03/2023 | Actualizada ás 19:46
Catro campañas de publicidade machistas compiten por ter "a dubidosa honra" de ser elixidas como 'O Peor Anuncio de 2022' na décimo terceira edición destes premios que elixen socios e simpatizantes de FACUA-Consumidores en Acción a través da web FACUA.org/peorempresa.
Nesta ocasión, o premio dispútase entre dúas campañas que "sexualizan" ás mulleres, unha que as "culpabiliza da violencia de xénero" e unha última que "as ataca se os seus corpos non cumpren cos canons estéticos e non son normativos".
Trátase do anuncio de lavado de coches dun grupo de gasolineiras; da publicidade Operación Feira dun ximnasio sevillano; da "desafortunada campaña" contra a violencia machista da Xunta de Galicia; e da "caravana de mulleres" que promocionou unha discoteca asturiana.
Facua deu a coñecer aos nomeados este 8 de marzo, Día Internacional da Muller, para pór o acento "en como a publicidade continúa tratándoas como meros obxectos, reclamos para vender un produto e transmiten unha idea aínda estereotipada do que é ser muller, na que se lle atribúen valores que teñen pouco ou nada que ver coas súas capacidades e moito co seu aspecto físico".
A campaña está a difundirse a través das redes sociais coa etiqueta #ElAnuncioMásMachista. Os premios teñen outras dúas categorías: O Peor Abuso e A Peor Empresa, cuxos nomeados se darán a coñecer nos próximos días.
A asociación convoca estes premios desde 2010 para censurar os graves abusos que se producen no mercado e promover prácticas responsables das empresas cos consumidores e nas súas relacións con estes e as organizacións que representan os seus intereses.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.