Rueda avisa ao Goberno central sobre a eólica mariña: "Terán que escoitarnos porque tal cal o queren non vai ser"

A Xunta declara 13 parques eólicos, 12 de Alcoa e un do Grupo Cortizo, como iniciativa empresarial prioritaria.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 09/03/2023 | Actualizada ás 14:35

Comparte esta noticia

Os proxectos eólicos mariños recollidos no Plan de Ordenación do Espazo Marítimo (POEM) semellan xa un novo campo de batalla entre a Xunta e o Goberno central. A pesar de que as dúas administracións cren necesaria a instalación desta enerxía nas costas galegas, difiren nas formas e nos xeitos de facelo, especialmente, porque este plan non tivo en conta as matizacións que fixo no seu día o Observatorio Galego da Eólica Mariña. Por iso, este xoves, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, avisaba á vicepresidenta Teresa Ribera; "así, tal cal o queren, non vai poder ser".

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, en rolda de prensa
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, en rolda de prensa | Fonte: XUNTA

Na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, Rueda destacou a necesidade de que o Goberno central teña en conta as alegacións realizadas polo Observatoiro Galego da Eólica Mariña e isto mesmo foi o que lle dixo á ministra Ribera que o chamou hai uns días e prometeu unha xuntanza. "Eu quero confiar na palabra da vicepresidenta Ribera... Espero que esa xuntanza se celebre o antes posible porque isto non pode ir ben se hai que facer o que eles din sen escoitarnos", dixo.

E é que Rueda insistiu en que a Xunta non se opón á instalación de grandes polígonos eólicos no mar, senón a que se faga con "criterios". "Nós non dicimos de renunciar á eólica mariña pero si compatibilizar isto cos recursos pesqueiros e o medio ambiente", indicou. Por iso, descartou adiantar medidas para tentar calmar ao sector pesqueiro como compensacións económicas, tal e como xa apuntou a conselleira de pesca. "Non sei se proceden ou non compesacións. Estamos nun momento inicial e o importante é achegar posturas e recibilas de primeira man, pero así, tal cal o queren, non vai poder ser", indicou. 

INICIATIVA EMPRESARIAL PRIORITARIA

Por outra banda, o Consello da Xunta aprobou conceder a catalogación de iniciativa empresarial prioritaria, unha figura creada polo Goberno galego para acelerar os trámites administrativos, aos parques eólicos que estean asociados a , sobre todo, aos que proxectos industriais que teñan algún acordo coas grandes empresa para que a metade da súa enerxía sexa suministrada por fontes eólicas con precios competetivos. Neste sentido, anunciou que se decidiu outorgar esta catalogación a 13 parques eólicos, 12 deles que suministrarán enerxía a Alcoa e o outro ao Grupo Cortizo.  

Precisamente, este mesmo xoves, Rueda mantén un encontro co novo máximo responsable de Alcoa en España. Unha xuntanza na que se analizará a actual situación da factoría de San Cibrao e na que o Goberno galego quere saber as previsións da multinacional estadonidense para manter a viabilidade da compañía e manter postos de traballo. "Ofreceremos o apoio da Xunta, máis alá dos acordos para ter un prezo xusto para as electrointensivas que xa non está na man da Xunta", dixo ao ser preguntado.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta