Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/03/2023 | Actualizada ás 14:57
Compostela Aberta (CA) presentou este venres o primeiro tramo da súa lista para as eleccións municipais do 28 de maio, encabezada por María Rozas, que conta con seis mulleres e catro homes e da que quixeron destacar "o seu enorme capital humano".
A cabeza de lista subliñou que o equipo que deu a coñecer é "reflexo dunha CA plural, aberta, feminista, con experiencia de Goberno e con ideas claras de futuro para mellorar a vida da xente".
Deste xeito, o número dous da lista é actual concelleiro do grupo, Xan Duro, seguido da doutora en Ciencia da Comunidade, activista e profesora no ensino secundario na familia profesional de Servizos Socioculturais, Comba Camboi.
Así, o cuarto na lista de CA é o coordinador do grupo municipal, Miguel Penas, mentres que a continuación está unha autónoma que rexenta a súa propia axencia de seguros, Graciela Carro. No sexto posto está o músico Javier García e no sétimo a profesora de Educación infantil Marisa Álvarez. Este primeiro tramo da lista complétano o educador social Jaime Belo, a avogada no ámbito da mobilidade Luisa Pasín e a que foi ata o pasado mes de outubro portavoz de CA, Marta Lois.
Rozas destacou que "un dos grandes valores" da lista é que "fiel reflexo dun Santiago que se constrúe coa súa xente e non só desde o Concello". Así, puxo en acento en que "tamén está moi ben representado o termo municipal", xa que hai candidatos "dos barrios, do Ensanche e do rural".
Doutra banda, en preguntas aos medios, apuntou que foron Branca Novoneyra e Jorge Duarte os que decidiron non repetir na lista. Con todo, Rozas insistiu en que "está segura" de que "seguirán traballando pola cidade".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.