Por outra banda, a aplicación de tipos penais agravados baseados moitas veces en conceptos xurídicos indeterminados (organización criminal, banda armada, medio perigoso…) determinan a imposición de penas absolutamente desproporcionadas, como as impostas hai meses aos acusados de pertencer a Resistencia Galega.
A maioría absoluta do PP decidiu unilateralmente agravar substancialmente estas penas, deseñando entre o novo Código Penal e a lei de seguranza cidadá un “Dereito penal da perigosidade”, que tende considerar todo cidadán crítico e consciente coma un perigo social. As condutas relativas aos dereitos de reunión e manifestación despenalízanse para convertelas en infraccións administrativas, nas que non xogará xa a presunción de inocencia propria das infraccións penais, senón a presunción de veracidade dos atestados policiais. É dicir, os cidadáns aos que se lles impoñan as elevadas multas lexisladas terán que recorrer na vía contencioso-administrativa, pagando taxas desproporcionadas e arriscándose á condena ás custas procesuais, xa que non sempre será viábel atopar probas que destrúan a presunción do atestado policial.
Canto á reforma do Código penal, o PP introduciu unha “prisión permanente revisábel” que non é nin máis nin menos ca o cárcere perpetuo prohibido na Constitución. Poderase impór esta pena para delictos graves e só revisábel xudicialmente aos 25 e 35 anos consonte con criterios moi restritivos. Si, ao ler isto,lles veu a imaxe de Edmond Dantés no castelo de If acertaron. Pechar e guindar coa chave.
A deriva autoritaria do PP agrávase tamén pola imposición dunha maioría parlamentaria- que xa non existe socialmente- para decidirmos cuestións que só compre facer por consenso, como son o Dereito Penal ou a lexislación sobre as liberdades.