Por Galicia Confidencial | Galicia | 16/03/2023 | Actualizada ás 10:33
A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia, Adega, vén de denunciar que a planta solar 'A Gudiña', promovida pola empresa madrileña 'Amber Solar Power 29' atópase a menos de tres quilómetros do niño dunha das únicas seis parellas de aguia real que hai en Galicia. A especie, precisamente, está catalogada como "en perigo de extinción" segundo o Catálogo Galego de Especies Ameazadas.
Diversos colectivos ecoloxistas e naturalistas galegos denuncian que a aguia real, que mantén unha pequena poboación de 6 parellas nos lugares menos humanizados da montaña de Ourense e Lugo, é unha das especies máis afectadas pola "masiva implantación" de polígonos eólicos e infraestruturas nos seus lugares de reprodución.
"Por se non tiveramos pouco cos parques eólicos, un proxecto de macroplanta solar e liña de evacuación pretende ocupar 110 hectáreas no concello da Gudiña", explican desde Adega, que á vez sinala a proximidade das torretas eléctricas, a menos de tres quilómetros do niño.
Desde a asociación manifestan que se reiteran "os erros acontecidos co desenvolvemento eólico" e apuntan a unha implantación desordenada e especulativa. "Non só fosiliza centos de hectáreas de hábitats naturais, senón que tamén ameaza a unha das especies máis sobranceiras do patrimonio natural galego", conclúen.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.