(Vídeo) Ruxe Ruxe lanza 'Unha noite no interior dunha faísca': "doce relampos de luz e cor"

A banda de rock galega fala neste álbum da nostalxia e de Compostela, da noite e das súas xentes.

Por Galicia Confidencial | Galicia | 16/03/2023 | Actualizada ás 11:57

Comparte esta noticia

A banda de rock galega Ruxe Ruxe vén de publicar o seu novo traballo discográfico, 'Unha noite no interior dunha faísca', que avanzan cun "xiro de guión e moitas sorpresas". Así, o traballo chega no momento máis doce do grupo, cargado de luminosidade, sen perder un ápice da súa loita como bandeira e cunha aposta pola evolución nos seus sons e na súa voz.

grupo
grupo

"Unha noite no interior dunha faísca son doce relampos de luz e cor no medio dunha longa noite de cans, chuviosa e bretemosa. Un alxube maldito e marabillosamente agochado naquela festa de pub e fantasía", explica a propia banda.

O álbum está composto por doce temas escritos por Vituco Neira nos que Ruxe Ruxe regresa ao punk californiano, pero tamén explora un ska con aires de swing. A banda fala da nostalxia e de Compostela, da noite e as súas xentes, pero sempre con letras sarcásticas, incendiarias e reivindicativas. 

O traballo de produción de Xurxo Pinheiro limpa de prexuízos aos sons do grupo, que arrisca por novos camiños musicais nunca antes explorados. "A banda non se acomoda e evita facer o que sería máis esperable: desta quenda Ruxe Ruxe soa máis aberta, aventureira e ecléctica. Vólvese máis coral, mais sen perder a súa esencia", conclúen.

Para celebrar o lanzamento, este mesmo venres Ruxe Ruxe estreará na súa canle de Youtube o videoclip de 'Crebas'. Ademais, o concerto de presentación deste novo álbum será o sábado 25 na Sala Capitol, unha noite na que a banda sorprenderá ao público con colaboracións e novidades que darán a coñecer na mesma cita.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta