Por Europa Press / Redacción | Galicia | 17/03/2023 | Actualizada ás 19:27
A CIG concedeu os seus premios ás traballadoras do servizo de axuda no fogar, as empregadas do sector conserveiro, aos do metal e ás das tendas de Inditex. Estes catro colectivos foron recoñecidos polas súas loitas ao longo do último ano nos galardóns da central nacionalista, que tamén outorgou unha mención especial ao histórico sindicalista vigués Agustín Malvido, falecido o pasado mes de xaneiro.
O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, subliñou o agradecemento do sindicato pola contribución de Malvido "á causa da emancipación da clase traballadora galega e dunha Galicia libre".
Durante a entrega de premios, a secretaria de Mulleres na central, Nicolasa Castro, remarcou o protagonismo da loita das mulleres nos conflitos laborais durante o último ano, con casos como o do SAF, a conserva ou as tendas de Inditex; o que subliñou como unha mostra dos avances do feminismo.
Así, a CIG recoñece co Premio 10 de Marzo o "histórico" convenio asinado no sector conserveiro, do que destaca o logro de que "por primeira vez" se lograse trasladar a Galicia as negociacións.
Das traballadoras de axuda no fogar, galardoadas co Premio 8 de Marzo, valora a folga mantida durante 28 días no mes de novembro coa que "conseguiron que CCOO e UGT non asinasen un convenio que introducía dúas táboas salariais diferentes e nin sequera contemplaba incrementos salariais conforme o IPC".
Ademais, concede unha mención 8 de Marzo ás traballadoras das tendas de Inditex da Coruña pola súa loita contra "un poderosísimo patrón" coa que lograron "derrotar un xigante", mentres que a mención no Premio 10 de Marzo foi para o sector do metal tamén na provincia coruñesa.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.