Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/03/2023 | Actualizada ás 18:32
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, informou da eliminación dunha vertedura de augas residuais procedente dunha instalación industrial asentada no concello pontevedrés de Caldas de Reis.
Segundo trasladou a Xunta, este foco foi localizado no marco das inspeccións levadas a cabo por técnicos do Programa de Control de Verteduras, xunto coa Gardería Fluvial de Augas de Galicia.
Deste xeito, os técnicos identificaron a existencia dunha canle de derivación anexa ao sistema de depuración das augas residuais industriais, a través da cal se podían producir achegas ao dominio público en condicións inadecuadas.
Así, ante esta deficiencia, os técnicos requiríronlle aos responsables da instalación que adoptasen medidas correctoras para evitar achegas contaminantes. Para iso, os responsables da empresa procederon á eliminación do bypass das augas residuais industriais, asegurándose a ausencia de verteduras irregulares a través deste punto, como verificaron os técnicos da Xunta nunha nova inspección.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.