Tras unha demanda por parte de Kiko por estas incurables inculpacións cara á súa persoa, a Xustiza cualificou textualmente como “un dano secundario dentro dun debate político” algo que marca precedentes moi perigosos e moi negativos e que nos fai pensar que na política todo vale con tal de desprestixiar ao adversario, máis se temos en conta que Kiko da Silva non é militante do BNG, senón un simple simpatizante, algo que el xamais agochou.
Pasados os anos e sen que, en termos cando menos persoais, alguén do PP se desculpara con el, Kiko da Silva expuxo claramente o que sentiu durante todo este tempo vía redes sociais: “A demostración de que ao señor Rafael Domínguez e ao PP de Pontevedra non lles molesta que un autor faga dúas veces ou máis os carteis do Entroido de Pontevedra pódese constatar neste ano 2023, no que Santi Paredes volveu facer un bo cartaz por segundo ano consecutivo. Ninguén do PP de Pontevedra protestou por isto. Tampouco dixeron nada algúns columnistas afíns (aínda que o disimulen moi mal) que ma teñen xurada. Eles saberán por que… No ano 2020, cando eu fixen o último cartel para o Entroido e anunciei que doaría integramente o que gañase polo meu traballo -tanto debuxando o cartaz como poxando o orixinal (4.922 euros) para o proxecto do estudo xenómico do equipo liderado por José M. C. do Cimus-, o señor Domínguez, aínda sendo médico, non dubidou en
botarme merda nos medios de comunicación e facer roldas de prensa e vídeos que moveron por redes sociais, para así manchar o meu nome dunha maneira definitiva. Di moito dunha persoa que pretende gobernar para todos que faga este tipo de cousas, que non lle importe difamar a imaxe dun traballador autónomo, tan só porque teña unha ideoloxía diferente á súa…”.
O certo é que as palabras de Kiko da Silva son contundentes, firmes e pesarosas. O inferno do debuxante seica é comprobar que para certos políticos de hoxe en día todo vale con tal de rabuñar un par de votos máis, aínda que isto conleve arruinar a imaxe e a traxectoria intachable dunha persoa que se dedica en corpo e alma a difundir e fomentar a cultura galega.
Cabe pensar que o acoso e derribo do líder do PP pontevedrés cara ao debuxante non foi tanto unha estratexia política como algo persoal. Quen sabe? Eu non teño esa resposta. O que si sei é que a cidadanía admira, hoxe máis que nunca, aos políticos íntegros, que van de fronte e que desexan gobernar polo ben de todos e todas, sen importar as opinións de cada quen, o seu status económico e social ou as diferencias ideolóxicas.
Achegámonos ás eleccións municipais e os coitelos xa están a cortar o aire: críticas, inxurias, desprestixios persoais, chiscadelas á prensa… Fíxense como están as cousas que, durante o pasado Entroido, ata houbo quen non tivo reparos en reprocharlle a un dos candidatos á Alcaldía -sen fisuras e facendo un despregue de bo humor e liberdade de expresión- que decidise asistir ás Murgas disfrazado de policía local. En fin, paletadas e complexos que nada interesan a unha cidadanía famenta de políticos que sexan boa xente e que gobernen ao servizo de todas e todos, sen distincións nin escuras intencións.