Por E.P. | Galicia | 20/03/2023 | Actualizada ás 18:28
A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, mantivo un encontro coa directiva da nova entidade A Casa de Galicia en Montevideo (Uruguai), xurdida da unión dos socios do antigo centro Casa de Galicia co obxectivo de recuperar a obra cultural e patrimonial.
Miranda comprometeuse a "seguir impulsando iniciativas" encamiñadas a protexer o patrimonio "levantado fai máis dun século cos aforros e o esforzo dos emigrantes galegos". Segundo trasladou o BNG este luns nun comunicado, os representantes da entidade trasladaron "a súa preocupación" polo futuro do panteón e o destino de 'A Santiña' de Asorey.
Miranda lembrou que, tras a súa fundación, a antiga Casa de Galicia converteuse en "un lugar emblemático" e que ao longo de máis dun século de funcionamento "foi un dos centros hospitalarios máis importantes do país e cun gran patrimonio social e cultural".
Desta forma, apuntaron que o desmantelamento "tamén repercutiu nos campos sanitario e laboral, coa distribución de ao redor de 45.000 usuarios en varias aseguradoras e máis de 3.000 traballadores".
Doutra banda, Miranda participou no Congreso do Movemento de Participación Popular (MPP), no que se definiu a estratexia para as próximas eleccións presidenciais de 2024, coa presentación do precandidato Yamandu Orsi par "facer fronte á dereita que está a desmantelar o país e agravando os índices de pobreza e exclusión social".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.