Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/03/2023 | Actualizada ás 18:30
Os traballadores do almacén loxístico que a empresa Lidl ten no polígono de Río do Pozo, en Narón, cumprirán este sábado, 25 marzo, corenta días de folga indefinida para reclamar á multinacional de orixe alemá que cumpra co convenio colectivo, reforce o persoal para poder afrontar a sobrecarga de traballo e mellore as condicións laborais.
Actualmente, o seu persoal está composta por uns 150 traballadores que desenvolven a súa tarefa en quendas de mañá, tarde e noite, e que na mañá deste venres, día 24, protagonizaron unha mobilización que os levou a percorrer a pé a Estrada de Castela e varias das vías do polígono da Gándara, para finalizar a protesta ante o supermercado situado neste lugar. Na marcha, ademais de traballadores, tamén participaron familiares e amigos, ademais de delegados do sindicato CIG, convocante desta folga.
XUÍZO
Por outra banda, o vindeiro martes, 28 de marzo, está previsto que se celebre nun dos dous xulgados do social de Ferrol o xuízo contra a compañía alemá por unha suposta vulneración do dereito fundamental á folga.
Na querela, presentada pola CIG, sostén que a compañía trasladou empregados doutros lugares para cubrir os postos de traballo dos empregados en folga. Coincidindo coa celebración da vista, os operarios decidiron concentrarse desde as 11,00 horas no exterior da sede xudicial, na rúa Coruña.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.