Por E.P. | VIGO | 24/03/2023 | Actualizada ás 19:28
O secretario xeral técnico da Consellería de Sanidade, Alberto Fuentes Losada, participou este venres en Vigo na XXVIII Reunión Galega de Tuberculose e Infeccións Respiratorias, un encontro no que puxo en valor a consecución dos obxectivos do Programa galego de prevención e control da Tuberculose, ao lograr rebaixar a incidencia desta enfermidade nun 39,4%, se se comparan os datos do ano 2015 e do ano 2021.
Deste xeito, apuntou, a Dirección Xeral de Saúde Pública "cumpre amplamente cos obxectivos establecidos" no programa galego, no que se fixaba conseguir un descenso do 25%, na comparativa entre os datos do ano 2015 e do ano 2020.
Con motivo do Día Mundial da Tuberculose, Alberto Fuentes remarcou que Galicia conta cun programa de prevención e control da enfermidade "perfectamente estruturado, que está dotado cun sistema epidemiolóxico de vixilancia específico, e ao que hai que engadir o traballo, esforzo e coordinación dos profesionais da sanidade galega".
Nesta liña, apuntou que os datos favorables que rexistra a comunidade galega no seu control son produto de, entre outras medidas: a creación das 7 Unidades de tuberculoses, a formalización do Laboratorio de Referencia de Micobacterias de Galicia, a incorporación de equipos de traballo social; ou a creación da Comisión galega para a avaliación do manexo da tuberculose resistente a fármacos.
No acto, no que tamén participaron o xerente da área sanitaria de Vigo, Javier Puente; e o presidente da Sociedade Galega de Patoloxía respiratoria, Alberto Fernández Villar; Fuentes Losada incidiu en que é necesario "seguir traballando de maneira coordinada", e destacou que, a pesar dos bos datos, "non se pode baixar a garda no control e prevención da enfermidade".
Neste sentido, avogou por incorporar diferentes estratexias de intervención que a completen, dunha maneira prioritaria, en catro aspectos: o mantemento da pericia clínica e de saúde pública nun período de diminución de casos; a diminución nos tempos de diagnóstico, o estudo dos contactos dos casos de tuberculose e, finalmente; na prevención do desenvolvemento da enfermidade na poboación vulnerable que vive en Galicia con infección tuberculosa.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.