O regreso das pantasmas financeiras

As crises vividas, nos últimos días, por algunhas entidades bancarias europeas e norteamericanas fixéronme lembrar as palabras escritas polo economista John Kenneth Galbraith no outono de 1987 -cando se rexistraba un novo desequilibrio financeiro en Wall Street- enumerando as semellanzas e as diferenzas con aquela histórica desfeita de 1929, preludio dun conxunto de acontecementos que rematarían no estoupido da II Guerra Mundial.

Por Xesús Veiga | Compostela | 30/03/2023

Comparte esta noticia
Memoria, cobiza e confianza: velaquí tres referencias terminolóxicas que nos poden permitir un achegamento aos elementos constitutivos das crises financeiras experimentadas nas últimas décadas.
 
Galbraith afirmaba que nos mercados onde se negocian recursos financeiros non existe unha memoria solvente que permita aprender dos episodios anteriores para non repetir as prácticas causantes dos desastres precedentes. Esa carencia é consecuencia da preponderancia da cobiza como criterio fundamental na conformación do comportamento das persoas e institucións que participan neses mercados. A pretensión continuada de obter o máximo beneficio, sen limite ético algún, remata por orixinar alteracións importantes na teórica harmonía que debería presidir o funcionamento desa parte do universo económico. Finalmente, o paradoxo fica instalado no corazón do propio sistema: todos os actores que se moven no escenario afirman que a confianza é unha peza básica na estabilidade do capitalismo pero non renuncian a facer o que sexa para maximizar as súas ganancias. O fin xustifica todos os medios. A confianza invocada resulta, ao cabo, unha coartada retórica, sen capacidade para mudar a realidade.
 
Ao remate desta década vanse cumprir 100 anos dende aquel histórico afundimento da bolsa neoiorquina. A partir dese momento, houbo unha maior coincidencia sobre a necesidade de fixar novas e mellores regulacións dos mercados financeiros. Porén, os sucesivos acontecementos vividos posteriormente demostraron as eivas das normas establecidas e a neglixencia dos organismos encargados da súa efectiva aplicación. Nestes días, relatando as peripecias do "Silicon Valley Bank" e do "Credit Suisse" constatouse a presenza das vellas pantasmas: falta de transparencia na actuación das entidades afectadas, existencia dalgunhas prácticas pouco ortodoxas, excesiva relaxación na aplicación dos controis polos reguladores...A pesar das pretensións invocadas, a realidade é teimuda: o código que guía o comportamento dos operadores financeiros subordina calquera criterio á consecución do maior beneficio no prazo mais curto posíbel.
 
Estamos asistindo, agora, a unha nova versión do que xa se contemplara no ano 2008: cando as cousas pintan mal no ámbito do negocio bancario, considerase pertinente a intervención das autoridades públicas. As modalidades poden variar: nacionalización total ou parcial das entidades afectadas; facilitar a obtención de recursos líquidos inmediatos a través de préstamos dos bancos centrais; incentivar a adquisición das entidades mais vulnerábeis por outras que presenten mais fortalezas...Cando isto sucede non se escoitan as voces que, habitualmente, rexeitan con moita belixerancia outras propostas de intervención gobernamental nos mercados enerxéticos e alimentarios. A CEOE -ou a CEG- aplauden as medidas que se toman para rescatar bancos pero non queren saber nada sobre as ferramentas que se poderían utilizar para frear o encarecemento dos alimentos, da electricidade ou dos combustíbeis. As incongruencias non rematan aí: apoiase decididamente que UBS -o principal banco suízo- absorba "Credit Suisse" a pesar de que iso vai supor unha notábel perda de emprego e vai reducir substancialmente o nivel de competencia e , xa que logo, prexudicar aos clientes individuais e/ou empresariais. A dupla vara de medir goza de boa saúde entre aqueles que se encargan de elaborar os relatos sobre estas crises que regresan cada certo tempo.
 
Polo demais, non é realista pensar que este desaxuste financeiro non vai provocar efectos negativos na evolución doutras variábeis económicas (crecemento económico, desemprego, inflación...). Hai 15 anos, afirmábase que a treboada das hipotecas "subprime" non ía saír do recinto norteamericano e xa sabemos o que pasou pouco tempo despois nas economías e nas sociedades do sur de Europa. Non existen garantías de que non se repitan eses fenómenos aínda que sexa con intensidades e características diferentes.
 

Banco Credit Suisse
Banco Credit Suisse | Fonte: EP
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xesús  Veiga Buxán Licenciado en CC.EE. pola Universidade de Bilbao. Profesor –dende o ano 1974- no Departamento de Organización de Empresas e Comercialización da Facultade de CC.EE. da USC. Dirixente do MCG. Posteriormente, foi dirixente de Inzar.Foi deputado polo BNG no Parlamento galego dende 1993 ao 2005. Dende Setembro do ano 2005 ate o mes de Abril do ano 2009 foi asesor para asuntos económicos no Gabinete da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia.