O Consello de Ministros ratifica o nomeamento de Besteiro como novo delegado do Goberno en Galicia

O exalcalde da Coruña e exdelegado Javier Losada entra a formar parte do Consello de Estado como conselleiro electivo

Por Europa Press / Redacción | Galicia | 28/03/2023 | Actualizada ás 14:53

Comparte esta noticia

O Consello de Ministros ratificou este martes o nomeamento de José Ramón Gómez Besteiro como novo delegado do Goberno en Galicia, en substitución de José Miñones. Así o anunciou este martes a portavoz do Goberno, Isabel Rodríguez, que deu conta de que o exalcalde da Coruña e exdelegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, entrará a formar parte do Consello de Estado como conselleiro electivo.

José Ramón Gómez Besteiro
José Ramón Gómez Besteiro | Fonte: Arquivo

FORMOSO CELEBRA A "REHABILITACIÓN POLÍTICA"

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, celebrou a designación de José Ramón Gómez Besteiro como delegado do Goberno en Galicia. "Hoxe é un día moi especial no político e no persoal coa rehabilitación política dun compañeiro" como o exsecretario xeral do PSdeG, sinalou.

Formoso considerou que a súa designación anticipa unha "etapa moi dinámica na defensa dos intereses de Galicia e de conexión cos intereses do Goberno de España e da Delegación do Goberno". O xefe de filas dos socialistas galegos pronunciouse deste xeito este martes en Madrid, onde asistiu á toma de posesión de José Miñones como ministro de Sanidade, un nomeamento que, segundo indicou, "completa un día de celebración para o PSdeG".

Na súa intervención, Formoso puxo de relevo a importancia de que un galego como Miñones asuma a carteira de Sanidade, que é "tema que máis preocupa na sociedade galega". Ademais, asegurou que representa un "sinal de apoio rotundo do presidente do Goberno ao PSdeG, ao sinalar a un compañeiro da Executiva dos socialistas galegos".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta