Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/03/2023 | Actualizada ás 21:15
Este fin de semana, un grupo de veciños e veciñas de Amil, Xeve e outros lugares acudiron xunto con membros do Colectivo do vento, á contorna do Pastizal de Amil, zona onde se celebra todos os anos o curro das bestas, onde fixeron unha nova andaina polo Monte Acibal para “comprobar o avance das obras da poligonal eólica que está a destruír o seu monte”, segundo explican nun comunicado.
Nel viron como moitos gravados rupestres de circos concéntricos, pías cuadrangulares e cruces históricas non aparecen na avaliación do impacto arqueolóxica do monte. Tamén como as moitas das denominadas "cazoletas" prehistóricas da zona, tampouco catalogadas, estaban marcadas con pintura vermella para a súa presunta próxima voadura.
Despois de andaina, os veciños darán nova conta ao Concello, a Patrimonio e a Industria para esixir novamente a paralización cautelar das obras, porque consideran que está máis que comprobado que non se fixo unha prospección previa en condicións, xa que comprobaron que numerosas pedras de caprichosas formas, incorporadas á toponimia popular foran ”xa destrozadas pola maquinaria pesada do parque eólico para a apertura de pistas”.
Ademais, denuncian que as choivas da fin de semana “demostraron a insuficiencia das xa de por si parcas medidas ambientais para evitar a invasión de lodos ás zonas húmidas do Pastizal”. Sinalan que moitos veciños seguen temendo a afección permanente ás augas das súas traídas, a escasos metros das remocións de terras da zona de obras, onde tamén comprobaron manchas de aceite nas augas de escorrentía procedentes das maquinarias.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.