Xa ficara demostrado que o mando policial galego advertira da viaxe dos seareiros coruñeses e de que a delegada do Goberno de Madrid, Cristina Cifuentes mentiu. E agora cae o relato que cociñaron os “media”en Madrid para explicarmos o que pasou en clave de equidistancia e mesmode provocación branca e azul: “quedaron uns radicais galegos cuns rapaces da Fronte Atlética, bateron entre eles e morreu un galego de moi mala vida”.
Iso foi o que nos contaron e o que lles mercaron non poucos galegos, vía determinado medio coruñés. Pouca conciencia do propio amosan aqueles que non son quén a contar o que nos pasa dende a propria percepción e que recorren a un relato importado que degrada aos nosos. Malia que cumpra deixar ben clariño que a TVG e a maioría dos nosos media souberon contar o que pasaba e o que se ía descobrindo.
Compre rachar de vez con esa cínica equidistancia e dicir ben claro a realidade. A organización chamada Frente Atlético, canda os teoricamente disoltos Ultrassur son grupos que partillan unha ideoloxía parafascista e, cando menos, de extrema dereita españolista e rexeitan violentamente calquera idea ou identidade que non sexa a súa. As sucesivas directivas atléticas apoiaron estes extremistas (como denunciou Eduardo Inda, ex director do Marca e pouco sospeitoso de pertencer aos Riazor Blues) e non pasaba nada. Os nosos Blues abranguen unha mesta largura de seareiros, moitos de tendencia progresista, mais de ningún xeito unitarios nas súas tendencias. E que, claro, coma sempre pasa no fútbol, acollen algunhas persoas non moi acaídas nin equilibradas. Grande minoría a respecto da maioría extremista dos atléticos.
Velaí que teñamos que pensar dun xeito á galega de combater esa violencia que tanto lle preocupa, de xeito súpeto, a eses inimigos do deportivismo que se chaman Tebas e os seus compañeiros de quenda.