Por E.P. | Panamá | 14/04/2023 | Actualizada ás 13:53
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, demandou, despois de transcender as negociacións de Abanca co grupo canadense Cooke para a venda do 80% da participación total do banco en Nueva pescanova, que a empresa debe seguir mantendo a súa "viabilidade" --ligada a "moitísimos" empregos--, así como o seu domicilio social e fiscal en Galicia.
"Nueva Pescanova é unha empresa fundamental en Galicia, igual que o foi Pescanova no seu momento. Por tanto, necesitamos, case esiximos, que se manteña a viabilidade da empresa como se mantivo ata agora e, por suposto, os moitísimos postos de traballo tanto en Galicia como na frota que pesca polos mares de todo o mundo", manifestou, en declaracións aos medios, durante a súa viaxe institucional ao continente americano, no que recalou en Panamá.
"Iso ten que implicar que o domicilio social e o domicilio fiscal se siga mantendo en Galicia. Por tanto, iso é o que pediremos nesta operación", dixo. En todo caso, destacou que o novo propietario ten "moita experiencia" en materia pesqueira, o que "é bo tamén", e incidiu en que se trata dunha operación entre entidades privadas.
Ao Goberno de Galicia o que lle "corresponde" --remarcou-- é velar porque "a riqueza que Nueva Pescanova está a xerar en Galicia se manteña".
CRÍTICAS DA CIG
Pola súa banda, a CIG considerou "negativa" a venda de Nueva Pescanova e reclamou garantías de mantemento de todos os empregos. Nun comunicado remitido aos medios, o sindicato nacionalista asegurou que "non comparte en absoluto" a valoración feita polo vicepresidente primeiro da Xunta e conselleiro de Economía, Francisco Conde, que considerou "boa" a operación de Nueva Pescanova para "trazar un futuro".
A CIG ve unha "pésima noticia" que este "espolio" dunha empresa que era 100% de capital galego poida ser vista "con tan bos ollos polo vicepresidente da Xunta".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.