Noutros países, esta caste de movementos políticos cidadáns acadou grande suceso na Chequia que se liberou da ditadura soviética ou coa plataforma Yes Scotland, que fixo chegar entre 2012 e 2014 a mensaxe soberanista escocesa moito máis aló dos marcos nacionalistas. Tamén coa Asamblea Nacionalista de Catalunya, iniciativa cidadá na que partillan afiliados de varios partidos e independentes e que lle marca a axenda política a Convèrgencia e a ERC.
Velaí que non sexa acaído considerar Sómos Nós como un instrumento para a unificación das diversas ponlas do galeguismo nin como outra opción partidaria. O sentido desta iniciativa cívica non pode ser o de substituir o que xa está, senón fornecer á sociedade galega dun espazo plural e transversal que constrúa novas ferramentas de análise e acción atendendo substancialmente aos intereses de Galicia como suxeito político. Uns intereses sistemáticamente esquecidos no esquema político actual por mór de representarmos só un 5% do PIB e un 6% da poboación e depender en grande medida duns alicerces económicos que non son os que definen a economía do Estado español. Ferramentas para afondar nunha visión do mundo dende Galicia, como clave parta afondarmos no autogoberno e xerarmos benestar para a cidadanía.
Logo no galeguismo hai sitio para partidos, para axentes sociais e para este movemento cívico, como existe este espazo tamén en Catalunya ou en Escocia, países cos que partillamos sentimento de identidade e europeidade, malia distinguírmonos nun bó feixe de características e circunstancias.
O importante, en último de contas, non é o instrumento, senón o obxectivo. O importante é que o gato sexa quen a cazar ratos.