Florece o 30% das sementes plantadas dunha especie ameazada en Corrubedo

Repoboou un total de 20 parcelas duns 3 metros cadrados de superficie cada unha en base a uns estudos previos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/04/2023 | Actualizada ás 17:11

Comparte esta noticia

A conselleira de Medio Ambiente, Anxos Vázquez, comprobou este venres a boa evolución do proxecto que desenvolve a Xunta coa Universidade de Santiago para a recuperación da especie ameazada Iberodes Littoralis no Parque Natural do Complexo Dunar de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán.

Durante unha visita á zona na que se desenvolve esta iniciativa, a conselleira puxo en valor que a floración dos exemplares da especie reintroducida supón "un gran avance" para a recuperación dunha planta que pode considerarse "un dos elementos máis carismáticos" da biodiversidade do sistema dunar do parque.

Ángeles Vázquez explicou que para chegar a esta fase, o equipo da USC, coa colaboración sobre o terreo de persoal do Parque, repoboou un total de 20 parcelas duns 3 metros cadrados de superficie cada unha en base a uns estudos previos que permitiron realizar unha selección das áreas máis idóneas para o desenvolvemento da especie.

Despois de subliñar que brotaron ao redor do 30% das sementes plantadas e que floreceron moitos dos exemplares, a conselleira indicou que o seguinte paso deste proxecto consistirá en comprobar a capacidade das novas plantas para producir sementes viables que pechen o ciclo biolóxico da especie e aseguren a permanencia na contorna. Fai falta lembrar que o último rexistro que se tiña desta especie databa do ano 2007, cando foran localizados pouco máis de 120 exemplares.

O Parque Natural do Complexo Dunar de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán ten unha gran importancia na preservación do medio ambiente, ao ser unha das principais zonas dunares de Galicia, lembra a Xunta. De feito, alberga a maior duna móbil da Comunidade. Ademais, "é fundamental o seu papel como receptor de aves migratorias e como zona de reprodución e invernada das mesmas", engade.

Recuperación dunha planta ameazada en Corrubedo.. XUNTA
Recuperación dunha planta ameazada en Corrubedo.. XUNTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta