Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/04/2023 | Actualizada ás 11:32
A organización política de corte independentista galego Causa Galiza anunciou este martes a súa disolución tras 16 anos de vida -dez como organismo político e seis como plataforma soberanista-, despois de que a súa militancia o decidise, "con sensacións opostas de pesar e determinación". Nun comunicado remitido aos medios, Causa Galiza afirma que as razóns da disolución "son variadas e cada unha ten o seu peso e contribución".
Por unha parte, a organización sinala a perda de militancia como un dos motivos, froito do "sinalamento mediático" presuntamente sufrido "durante e inclusive depois da resolución das diferentes operacións xudiciais contra o independentismo galego conduciu á atribución e identificación da organización cunha carga e apreciación social negativas irreversibles", e sostén que, a pesar das "tentativas", esa "negatividade non puido ser superada".
Para Causa Galiza, esa debilidade "foi o resultado da desatención por parte dun sector significativo da militancia", principalmente despois da resolución da Operación Jano, que supuxo a división interna da formación en dous sectores, o que derivou no "abandono dunha parte significativa de militantes en cada un deses sectores".
Finalmente, a formación independentista asegura que a disolución de Causa Galiza era só "unha cuestión de tempo", ante a imposibilidade de "responder á demanda cada vez mais evidente de facer dispoñible unha organización independentista con vocación participativa e capacidade de incidir na axenda social e política do país".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.