Por Galicia Confidencial | Allariz | 19/04/2023 | Actualizada ás 10:33
O Concello de Allariz busca persoas artistas ou estudantes de artes interesados en formular unha proposta artística para crear un mural dentro do proxecto de “limpeza e amabilidade urbana” da contorna da estación de autobuses de Allariz.
O obxectivo do concurso é seleccionar un proxecto artístico que ofreza unha resposta imaxinativa para a creación dun mural que debe ter como temática principal a “Diversidade”.
O prazo para o envío de propostas a través do correo electrónico participa@allariz.gal comezou o 17 de abril e rematará o 3 de maio.
Para participar cómpre xuntar no correo os datos persoais, dirección, correo electrónico e teléfono de contacto xunto cunha breve descrición do proxecto que se quere presentar a concurso.
O fallo do xurado darase a coñecer o 5 de maio e a persoa elixida que recibirá 600€ como premio e que se encargará de realizar o mural. O concello correrá cos gastos de material para a realización do mesmo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.