Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/04/2023 | Actualizada ás 15:56
O Parlamento insta o Goberno da Xunta a "levar a cabo as investigacións que determinan as posibles responsabilidades nas que a empresa Babcock International/Avincis podería estar a incorrer respecto das cláusulas do contrato do servizo de Salvamento marítimo de Galicia".
A iniciativa partiu do BNG e saíu adiante por unanimidade dos grupos, tras unha votación por puntos, na comisión de pesca. En concreto, aprobáronse todos os puntos orixinais do texto salvo un.
Avincis é como se chama agora Babcock (antiga Inaer), tras ser comprada polo fondo británico Ancala Partners, o mesmo que é socio de Ence. O Bloque pedía actuacións respecto dos "incumprimentos" da empresa adxudicataria do servizo de salvamento marítimo da comunidade.
OUTROS PUNTOS APROBADOS
Coa proposición non de lei, a Cámara tamén pide á Xunta "determinar as responsabilidades da empresa adxudicataria en canto ás normativas que regulan as actividades que se recollen no contrato".
En terceiro lugar, reclama "aplicar as penalizacións establecidas no contrato polos posibles incumprimentos do mesmo" e, por último, de darse incumprimentos "graves", esixe "pór en marcha os mecanismos legais para a verificación da execución e cumprimento estrito do contrato coa empresa".
REBAIXA DO IVE AOS PRODUTOS DO MAR
O tres grupos parlamentarios aprobaron unha iniciativa coa que piden á Xunta que se dirixa ao Goberno central "para que rectifique" a decisión de excluír aos produtos do mar da rebaixa do IVE.
A proposición non de lei, que foi apoiada por PP, BNG e PSdeG na comisión de pesca e partiu dos populares, pide que se lles aplique "o mesmo tratamento fiscal que outros alimentos básicos e de primeira necesidade".
Expono "como medida de apoio para ás familias con rendas baixas ou en situación de vulnerabilidade, para fomentar o consumo saudable e como iniciativa de apoio tamén ao conxunto do sector pesqueiro e marisqueiro".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.